Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Máis alá do deporte: Carballo renovará a pista de xogos da Milagrosa cun deseño inspirado nas súas alfombras florais

Terá un pavimento xeométrico de cores verde, azul, amarelo e laranxa

Inicio das obras de renovación da Praza da Milagrosa de Carballo.

Inicio das obras de renovación da Praza da Milagrosa de Carballo. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Carballo

O Concello de Carballo vén de iniciar as obras de renovación integral da pista deportiva situada na Praza da Milagrosa. A actuación está orzamentada en 44.168 euros e, se todo vai segundo o previsto e a climatoloxía acompaña, podería estar rematada para as festas do barrio.

O obxectivo da actuación é recuperar as condicións axeitadas de uso dunha instalación moi empregada pola veciñanza, fundamentalmente para a práctica recreativa de fútbol-sala, pero que tamén acolle outros usos ligados á vida do barrio.

De feito, a pista utilízase tamén durante as festas da Milagrosa para a elaboración das tradicionais alfombras florais, unha referencia que o proxecto quere poñer en valor cun novo acabado estético inspirado precisamente nesas composicións.

A pista presenta na actualidade un importante deterioro da superficie de xogo, o que dificulta a práctica deportiva en condicións adecuadas e fai necesaria unha intervención global, máis alá das reparacións puntuais realizadas en anos anteriores.

O proxecto prevé retirar temporalmente o equipamento deportivo, eliminar as capas deterioradas e sanear por completo o soporte. Posteriormente, regularizarase a superficie e aplicarase un novo sistema multicapa específico para pavimentos deportivos, rematado co pintado das liñas de xogo.

A proposta incorpora unha nova imaxe para a pista, cun deseño xeométrico e multicolor que evoca as alfombras florais da Milagrosa, a través da combinación de diferentes tonalidades de verde, azul, amarelo e laranxa.

Deste xeito, a intervención non só mellorará a funcionalidade da instalación, senón que tamén reforzará a identidade deste espazo público e a súa vinculación coas tradicións do barrio.

O concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro, destacou que esta actuación “permitirá recuperar unha instalación moi utilizada pola veciñanza e facelo cunha proposta que vai máis alá da mellora deportiva, porque o novo deseño conecta a pista cunha das tradicións máis singulares e queridas da Milagrosa, como son as alfombras florais”.

O novo pavimento contará coas pendentes necesarias para facilitar a evacuación da auga e ofrecerá unhas condicións adecuadas de adherencia e seguridade. A pista resultante será apta para o deporte escolar, uso recreativo e adestramentos.

Tracking Pixel Contents