O programa Espazos Sonoros inclúe espectáculos nunha igrexa da Pobra e no Forno do Forte de Malpica
Organizado pola Deputación da Coruña, o ciclo desenvolverase do 5 de setembro ao 8 de outubro con seis concertos en enclaves patrimoniais da provincia

Eduardo Parga, esquerda, Belén Bermejo e Xosé Penas, na presentación de Espazos Sonoros. / Cedida
O programa Espazos Sonoros regresa un ano máis cunha programación que volve propoñer un diálogo entre música e patrimonio, convidando o público a descubrir espazos de especial valor histórico e cultural da provincia da Coruña a través da experiencia artística.
Organizado polo departamento de Patrimonio da Deputación da Coruña, o ciclo desenvolverase entre o 5 de setembro e o 8 de outubro con seis concertos en enclaves patrimoniais da provincia.
A programación comezará o 5 de setembro na igrexa de San Tomé de Monteagudo, en Arteixo, coa actuación de Le Miroir de Musique. Continuará o 12 de setembro no Teatro-Cine Alfonsetti de Betanzos con Das Kolorit; o 19 de setembro, no santuario da Nosa Señora da Laxe de Vilasantar, con Reïna Lupa; o 26 de setembro, na igrexa de Santiago do Deán, na Pobra do Caramiñal, con Sara Ruiz; e o 27 de setembro, no Forno do Forte de Malpica de Bergantiños, co Dúo Abeiro. O 3 de outubro, Grupo 1500 ofrecerá o último concerto da programación galega na igrexa de San Nicolao de Cis, en Oza-Cesuras.
O ciclo concluirá o 8 de outubro en Viena coa terceira edición do Serán Galego en Viena (Galicische Nacht in Wien), unha iniciativa froito da cooperación entre Espazos Sonoros e Sargfabrik que contribúe a difundir a creación musical galega nun contexto internacional.
O deputado de Patrimonio, Xosé Penas, que presentou a programación en Malpica, xunto co alcalde, Eduardo Parga, e a coordinadora do programa, Belén Bermejo, destacou que Espazos Sonoros é "un proxecto plenamente consolidado no panorama estatal", que combina excelencia artística e posta en valor do patrimonio como ferramenta de dinamización cultural e social do territorio. "É un festival cunha identidade propia, afastado das modas e dos grandes eventos masivos, que aposta por outra maneira de vivir a música e de achegarse ao patrimonio", sinalou.
Como en edicións anteriores, cada concerto irá acompañado dunha proposta do programa Coñece o teu patrimonio, que permitirá descubrir a historia e os valores culturais de cada enclave.
O público poderá participar nunha visita guiada á igrexa de San Tomé de Monteagudo; nun percorrido polo Betanzos monumental; nun paseo polos muíños do río das Gándaras, en Vilasantar; na ruta A Pobra de Valle-Inclán: un paseo entre historia e literatura; nunha visita ao Forno do Forte centrada na tradición oleira; e nun percorrido narrado por Quico Cadaval arredor da igrexa de Santa María de Cuíña, en Oza-Cesuras.
- ¿Vas a ver el eclipse en Santiago? El Concello cerrará el acceso en coche a dos de los puntos más populares para contemplarlo
- «Tengo clientes que vienen de Noia, Ordes o Padrón»: el barbero marroquí con agenda llena en O Milladoiro
- El alcalde de Ames califica de excepcional la escasez de agua y pide tapar provisionalmente la fuga en la presa de A Ponte Maceira
- La maldición de las nubes en la costa de Lugo: 'Aquí tenemos el eclipse más largo porque ya empezó a las 8 de la mañana
- A menos de una hora de Santiago: los 5 mejores lugares para ver el eclipse total del 12 de agosto
- Los viajes de fin de etapa cambian su rumbo en Santiago: las agencias digitales impulsan el Interrail y los 'Pasos de Ecuador' para celebrar el fin de etapa
- Retenciones de hasta 6 kilómetros en Padrón
- La ruta aérea Santiago-Nueva York consolidará su presencia en Lavacolla