Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Poesía na rúa, cinema a ceo aberto e observación astronómica: así son as noites de verán ao aire libre en Cee

No ciclo de recitais participan 18 autores, e o venres 14 haberá un roteiro guiado nocturno e unha observación do ceo dende o Monte de Banle

Asistentes a un dos recitais do programa Poesía na rúa.

Asistentes a un dos recitais do programa Poesía na rúa. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Cee

O Concello de Cee convida a veciños e visitantes a gozar este verán de tres interesantes propostas culturais e de ocio ao aire libre: unha observación astronómica, un ciclo de poesía e outro de cinema.

O programa Poesía na rúa comezou o luns na Fundación Fernando Blanco co recital de Modesto Fraga, María Canosa e Ainhoa Conde.

O martes celebrouse ante o Monumento aos Defensores das Liberdades e participaron Marilar Aleixandre, Rafa Vilar e Rosalía Fernández Rial.

O mércores, na Praza Ketty Quintana, foi a quenda de María Lado, David Creus e Xaime Trillo.

Este xoves 6, na Praza Concha Blanco, ofrecerán un recital ás 20.30 horas Miro Villar, Concha Blanco e Alexandre.

O ciclo continuará este venres 7 na Praciña do Olvido (20.30 horas) da man de Xosé Iglesias, Suso Bahamonde e Roberto Traba, e rematará o sábado 8 na Praza da Constitución (13.00 horas) con Mónica Góñez, Moncho Bouzas e Rocío Leira.

Asistentes a unha das proxeccións do ciclo Cine na rúa.

Asistentes a unha das proxeccións do ciclo Cinema na rúa. / Cedida

O programa Poesía na rúa terá como colofón a entrega do premio do I Certame Batallón Literario da Costa da Morte, que terá lugar o domingo 9 ás 21.00 horas no Auditorio Baldomero Cores.

O gañador foi o escritor Xosé Luís Mosquera Camba, coa obra Infelices aves.

O xurado, integrado por Miro Villar, María Lado e Modesto Fraga, e no que actuou como secretario Víctor M. Castiñeira, destacou a alta calidade das obras presentadas nesta primeira edición, na que participaron 60 traballos, consolidando o certame como unha nova referencia para a creación poética en galego.

E, no marco do ciclo Cinema na rúa, que comezou o mércores na Praza Otero Lastres coa proxección da película +Cuñados, este xoves 6 poderase ver o filme Robot salvaxe (para todos os públicos) e o venres Kung Fu Panda 4 (tamén para todos os públicos). As proxeccións son de balde e ás 22.30 horas. Un plan perfecto para compartir en familia e cos amigos e para gozar da maxia do cine nas noites de verán.

Por outra banda, a asociación Fumes do Cal de Ameixenda organiza unha observación astronómica para gozar da natureza e da maxia do firmamento nun escenario privilexiado: o Monte de Banle.

A actividade, gratuíta, terá lugar o vindeiro venres 14 de agosto, con saída ás 22.00 horas e consistirá nun roteiro nocturno guiado e unha observación astronómica, na que os asistentes aprenderán a identificar constelacións e planetas.

Unha oportunidade única para mirar cara ao ceo, descubrir os seus segredos e vivir unha noite diferente en Ameixenda.

Tracking Pixel Contents