A Xunta activa unha actuación "inmediata" na lagoa de Baldaio para restablecer a súa canle co océano
Medio Ambiente e Mar consensuaron unha proposta e abordarán o futuro dese espazo natural a través dunha comisión técnica de seguimento

O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, dereita, observando a barreira de area da lagoa de Baldaio. / Cedida
A Xunta de Galicia acordou impulsar "actuacións inmediatas" na lagoa de Baldaio, en Carballo, para corrixir a situación hidroecolóxica actual deste espazo natural e avanzar na definición dunha solución estable que garanta a súa conservación e compatibilice a protección ambiental coas actividades tradicionais vinculadas a este ecosistema, como é a marisqueira.
Con este obxectivo, as consellerías de Medio Ambiente e Cambio Climático e do Mar consensuaron unha proposta de protocolo de actuación que xa foi trasladada ao Concello de Carballo para a súa valoración e posible adhesión, co fin de establecer un marco de colaboración entre todas as administracións implicadas.
O protocolo establece que a Consellería do Mar achegará os medios materiais necesarios para executar as actuacións puntuais, de emerxencia e inmediatas co fin de corrixir a situación hidrolóxica actual. Farao de acordo coas especificacións técnicas da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que coordinará e autorizará estas actuacións.
Pola súa banda, a participación do Concello de Carballo articúlase no marco das súas competencias sobre a xestión, conservación e ordenación dos bens de uso público, así como de protección do medio ambiente urbano e da salubridade pública.
Comprométese así a adoptar todas as medidas necesarias para colaborar e facilitar o desenvolvemento dos traballos previstos, en especial desde o punto de vista operativo e loxístico.
Esta iniciativa parte da necesidade de dar unha resposta coordinada á situación que presenta actualmente a zona húmida Marismas de Baldaio, un enclave integrado na Rede Natura 2000 e na Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos no que a perda da conexión natural co mar está a provocar unha importante deterioración das condicións ambientais.
En concreto, o peche reiterado da canle de comunicación co océano dificulta a renovación da auga da lagoa, favorece episodios de anoxia e incrementa de forma significativa a temperatura da auga, o cal compromete tanto o estado de conservación dos hábitats e especies presentes neste espazo como a viabilidade da actividade marisqueira, así como as condicións adecuadas de salubridade.
Neste contexto, a proposta acordada polas dúas consellerías recolle as actuacións que, de carácter inmediato, estarán destinadas a recuperar a funcionalidade da canle estuarina e restablecer a conexión ecolóxica entre a lagoa e o medio mariño. Así, recuperarase a canle entre o aliviadoiro e a praia a través dun deseño adaptado á dinámica natural do sistema para favorecer a circulación da auga.
A apertura da canle executarase coincidindo coa baixamar para aproveitar a propia dinámica mareal e favorecer a recuperación do intercambio natural da auga. Ademais, durante a execución dos traballos, adoptaranse as preceptivas medidas de seguridade e limitarase o tránsito de maquinaria ás áreas estritamente necesarias para minimizar a afección sobre os hábitats e as especies protexidas.
Aparte destas actuacións urxentes, o protocolo aposta tamén por abordar o futuro da lagoa desde unha perspectiva integral e a longo prazo. Para iso, prevese a creación dunha comisión técnica de seguimento –integrada por representantes das consellerías de Medio Ambiente e Cambio Climático e do Mar, do Concello de Carballo e da Demarcación de Costas do Estado– co obxectivo de compartir a información técnica dispoñible e colaborar na elaboración dunha proposta global de intervención e xestión da zona húmida.
Así, o futuro plan establecerá as actuacións necesarias para garantir un estado de conservación favorable dos hábitats e das especies, asegurar a continuidade dos aproveitamentos marisqueiros tradicionais e propiciar un uso compatible e sustentable deste espazo natural de referencia na costa galega.
Implicación da Demarcación de Costas do Estado
De forma complementaria ao previsto na proposta de protocolo de actuación da Xunta, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, vén de dirixirse tamén ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para solicitar a súa implicación na recuperación da lagoa tendo en conta que a súa situación actual non pode explicarse unicamente por procesos naturais, senón tamén por distintas actuacións realizadas ao longo das últimas décadas sobre o dominio público marítimo-terrestre, competencia da Administración Xeral do Estado.
A través dunha carta, a responsable do Goberno galego traslada á ministra os compromisos asumidos pola Demarcación de Costas do Estado de Galicia durante unha reunión técnica celebrada o pasado 28 de xullo e insta ao departamento a impulsalos coa maior brevidade posible.
Entre esas actuacións incluiríanse a reparación do espigón existente e a elaboración dun estudo específico sobre a dinámica litoral da praia de Baldaio co obxectivo de coñecer con maior precisión o comportamento sedimentario deste sistema costeiro e definir solucións estables e duradeiras.
- Netflix ya muestra a Martiño Rivas y José Coronado en su nueva miniserie basada en una novela criminal de Arturo Pérez-Reverte
- Una intervención antidroga en Galicia destapa el negocio de la 'Banca de Dubai': más de una veintena de detenidos y 20 millones de euros localizados en activos
- Roberto Louzán, el ganadero que cría la raza de vaca más escasa de Galicia: 'Prefiero la carne de Frieiresa a la de Rubia Gallega
- Una de las mayores orquestas de Galicia busca bailarines para la próxima temporada de verbenas: estos son los requisitos
- Pierde la vida un trabajador en Negreira tras sufrir una caída en una obra
- La Xunta exige al Estado garantías 'por escrito' para que Galicia no pague 'una factura millonaria' por la AP-9
- Así es la pizzería de Santiago que se cuela entre las 100 mejores del mundo
- Los refugios de Jesús Cintora en Galicia: playas protegidas, miradores y atardeceres en las Rías Baixas