Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

"Esta festa é reparadora para os que tiveron que marchar"

O concelleiro de Cultura de Val do Dubra, Antonio Negreira Noya, fala das festas na honra dos que se viron obrigados a abandoar a súa terra

O Concelleiro de Cultura de Val do Dubra, Antonio Negreira Noya

O Concelleiro de Cultura de Val do Dubra, Antonio Negreira Noya / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Iker Cotón

Hai pobos que celebran a súa historia e outros que celebran ás persoas que a escribiron. En Val do Dubra, cada agosto, a Festa do Emigrante rende homenaxe a quen un día marchou en busca dun futuro mellor sen romper nunca o vínculo coa terra que deixou atrás. Unha celebración que mantén viva a memoria dun fenómeno que marcou profundamente a historia do municipio e de boa parte da comarca de Santiago. Ao longo do século XX, centos de veciños de Val do Dubra fixeron as maletas rumbo a destinos como Suíza, Alemaña, Francia ou distintos países de América, seguindo unha corrente migratoria que condicionou o desenvolvemento social e económico do concello. A Festa do Emigrante nace precisamente para render homenaxe a esas persoas que tiveron que marchar e manter viva a memoria da emigración.

Antonio Negreira, tenente alcalde de Val do Dubra, fala do eixo central desta celebración: «É unha festa, como todas, de alegría, pero tamén cumpre unha función reparadora. Porque, loxicamente, a emigración non foi voluntaria, senón que Galicia, a sociedade e os gobernos daqueles tempos non foron quen de ofrecer oportunidades á xente aquí, e esta tivo que marchar a buscalas fóra».

Moitos dos que marcharon volveron e, aínda que é certo que algúns acadaron éxito económico, perderon moito polo camiño. Deixar atrás a familia, a casa e a terra marca para sempre a vida dunha persoa, e tamén a dos que quedaron aquí. «Por iso, esta é unha festa de alegría, de reparación e tamén de reencontro. Eu creo que quen emigra e regresa nunca consegue recuperar por completo a terra que deixou cando marchou. Hai que reencontrarse con ela, volver establecer ese vínculo, e esa é unha das funcións desta festa».

É a 42ª edición desta festividade. Nestas catro décadas, o municipio mudou completamente: «abonda con botar unha ollada á transformación socioeconómica que experimentou Galicia e tamén Val do Dubra. Ten moi pouco que ver co que era daquela. Se unha persoa que marchou hai 42 anos regresase agora, practicamente non recoñecería o lugar». Hoxe en día, Val do Dubra xa non envía tanta xente fóra como antes, por sorte. E moitos dos que retornaron non viven de maneira permanente no concello, senón que se estableceron sobre todo na área de Compostela e da Coruña.

«A semana pasada, nun restaurante de Compostela, unha persoa comentábame algo que me impactou. Dicía: “Eu son fillo da emigración e agora teño un fillo. Non podo deixalo cos meus pais porque eles nunca aprenderon a coidar un neno, xa que tiveron que emigrar”. El era precisamente un deses nenos que medraron afastados dos seus pais. Iso amosa o desgarro que supoñía a emigración», exemplifica Antonio. Historias como esta permiten comprender que a emigración deixou pegadas que foron moito máis alá do económico, afectando tamén á vida familiar e emocional de moitas persoas.

Estas festas son un motivo de reencontro e de recuperar historias que quedaron pendentes compartendo anécdotas, lembra vivencias e reencontra vínculos coa súa terra e coa súa xente. Son tamén unha oportunidade para que as novas xeracións coñezan as historias de quen un día tivo que marchar.

Tracking Pixel Contents