Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Máis Couto Florido: os veciños deseñan xa novas actuacións para embelecer unha aldea que aspira a ser un modelo a replicar

A Xunta seguirá colaborando cun proxecto que prevé aplicar nun futuro noutros pobos para revitalizar o rural

Xosé María Varela e Enrique de Salvador, no centro, este venres con catro veciñas do Couto.

Xosé María Varela e Enrique de Salvador, no centro, este venres con catro veciñas do Couto. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Ponteceso

O director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, puxo en valor este venres os bos resultados acadados na aldea do Couto, en Ponteceso, grazas ás intervencións executadas ao longo do ano pasado en materia de paisaxe, flora autóctona e dinamización social.

Ditas actuacións desenvolvéronse no marco do proxecto piloto Couto Florido, unha iniciativa participativa de colaboración público-privada que terá continuidade en 2026 coa execución de novas propostas.

Enrique de Salvador achegouse ata dita aldea acompañado por Xosé María Varela, presidente da Fundación Eduardo Pondal, entidade con sede no Couto e que participa tamén no proxecto.

O IET aportou 18.000 € a un proxecto que aposta por un modelo baseado en solucións naturais e culturais, reforzando a biodiversidade, a infraestrutura verde e a identidade local.

Máis de 50 persoas participaron na primeira acción, de diagnose, achegando 89 propostas de mellora paisaxística. A través dunha experiencia colectiva, promotores e cidadáns identificaron valores, retos e oportunidades, así como os espazos a intervir no proxecto.

Nos seguintes meses, técnicos paisaxistas transformaron as propostas. Posteriormente, houbo unha xornada de plantación de especies autóctonas e ornamentais guiada por expertas en cultivo ecolóxico e prácticas de xestión sostible, que tamén contou coa participación de artistas e empresas locais. Plantáronse 15 especies florais autóctonas e distribuíronse 35 xardineiras de barro de Buño e madeira en rúas e fachadas.

Durante o seu percorrido por algunha das zonas nas que son máis visibles os resultados das accións de mellora paisaxística e ambiental acometidas, Enrique de Salvador confirmou que, como xa avanzara a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, nunha visita ao Couto en setembro de 2025, a Xunta seguirá colaborando para darlle continuidade ao proxecto, que aspira a replicar nun futuro noutros pobos de Galicia como unha ferramenta efectiva para a revitalización do rural.

Nesta segunda fase do Couto Florido, Enrique de Salvador avanzou que as intervencións se centrarán na eliminación ou redución dos impactos paisaxísticos que poden causar sobre a contorna natural determinados defectos estéticos ou o propio desgaste derivado do paso do tempo nos inmobles e en diferentes tipos de espazos e equipamentos públicos.

No desenvolvemento das actuacións propostas para este ano colaborarán o IET, por parte da Xunta, e a Fundación Eduardo Pondal, ademais de contar coa participación directa dos veciños, que foron consultados previamente á hora de deseñar o mapa das intervencións a executar.

En canto aos prazos, coa visita preliminar deste venres déronse por iniciados os primeiros traballos, que se desenvolverán ao longo deste mes de agosto.

TEMAS

Tracking Pixel Contents