Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Festival Emerxente triunfa en Ames na súa segunda edición

O parque do Ameneiral acolleu a 1.000 persoas para desfrutar dos varios concertos da xornada

Lg1do durante a súa actuación no Festival Emerxente.

Lg1do durante a súa actuación no Festival Emerxente. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Iker Cotón

O Festival Emerxente regresou a Bertamiráns coa súa segunda edición e un cartel repleto de novos artistas. O parque do Ameneiral foi o emprazamento escollido para acoller esta iniciativa, no que se chegaron a xuntar arredor de 1.000 persoas no punto álxido da xornada, durante o concerto de Lg1do ás 22.00 horas. O parque do Ameneiral foi testemuña dun cartel que incluía o mellor da música galega incipiente, con artistas como Alddara, Fran Saint Laurent, Metan e Dupliss; e encabezado por Lg1do.

Este último, procedente de Santa Comba e nado no 2008, vén de publicar o seu primeiro disco Sobresaliente, coincidindo co seu derradeiro exame da selectividade. Temas como Non me culpes, Darche ou Frente a Frente acumulan millóns de visitas en plataformas dixitais, erixindo ao xalleiro como un artista xa consolidado do xénero urbano.

Foi precisamente no show de Lg1do que o festival acadou o momento de maior afluencia de público, chegando a xuntar arredor de 1.000 persoas no festival, deixando unha cousa clara: a música emerxente triunfa.

O resto do cartel

Alddara, pola súa parte, é procedente de Rianxo e actualmente reside en Barcelona. Esta cantante, letrista, compositora e produtora forma parte dunha nova vaga de artistas que aposta polo galego como lingua de expresión. Presenta unha proposta musical que se achega ao pop urbano con letras que saen do íntimo e do cotiá.

Outro dos artistas que puxeron o Ameneiral a bailar foi Fran Saint Laurent, procedente de Compostela. A súa música encáixase no trap e o drill melódico en temas que comezou a publicar hai un ano. Ademais de cancións, Fran tamén dirixe videoclips.

Dupliss é un artista urbano que comezou hai un ano a publicar a súa música. Xogaba en casa, xa que é veciño de Bertamiráns, e presentou un estilo urbano para poñer a súa terra a cabecear coas súas cancións.

Por último, Metan, procedente de Brión. Fai temas de trap e reguetón e, polo momento, só está presente en colaboracións, aínda que comezará en breves a publicar as súas pezas propias.

Romaría urbana

Como parte das festas da Peregrina, mañá sábado 8 de agosto celebrarase unha nova edición da Romaría Urbana, tamén no parque do Ameneiral. A xornada arrincará cunha sesión vermú seguida das actuacións musicais de abernarias, Moel, Berlai, Maneiro e da orquestra Neverloura.

Habilitaranse, ademais, postos para xantar, obradoiros e hinchables para a cativada. Beramiráns busca desde xeito achegar o comercio local e hostaleiro da localidade á poboación a través deste novo achegamento á romaría tradicional.

Tracking Pixel Contents