Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Val do Dubra rende homenaxe aos emigrados durante tres días de festa

A homenaxe ao escultor Xosé Castiñeiras, os concertos de Ortiga e as grandes verbenas centran a programación desta fin de semana

Diego Luis Díaz, alcalde de Val do Dubra.

Diego Luis Díaz, alcalde de Val do Dubra. / Jesús Prieto

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Iker Cotón

Val do Dubra vive a súa 42º edición da Festa do Emigrante, a súa festividade máis simbólica. As celebracións arrincaron onte coa tradicional Festa da Cervexa, unha exaltación desta bebida. En palabras de Diego Luis Díaz, alcalde de Val do Dubra, esta primeira xornada de festa é "unha xornada moi local, na que xa comezan a chegar as persoas que viven fóra, a xente de Val do Dubra que regresa para pasar estas festas".

A xornada festiva de hoxe, venres 7, comezará tras o acto oficial de apertura coa homenaxe ao escultor Xosé Castiñeiras, creador da estatua do emigrante, que para Diego Luis "representa moito, por moitos motivos, a Val do Dubra, unha terra de emigración, de xente que tivo que marchar en diferentes etapas".

Estes días Val do Dubra tamén é un lugar de chegada para todas as idades con actividades como o Jran Prix, que "é un conxunto de actividades dirixidas á mocidade. Son diferentes probas de competición, pero sobre todo para botar unhas boas risas". A verbena da noite correrá a cargo das orquestras Origen e Marbella e a Disco Móbil EME Music.

O día de mañá, sábado 8, comezará co pasarrúas da charanga Os Celtas. Sardiñada, torneos deportivos, teatro... Unha morea de actividades amenizarán o día antes do prato forte das festas: a verbena a cargo de Metrópolis e Ortiga á que lle poñerá o broche EME Music.

A festa está organizada pola Asociación Cultural do Emigrante. Esta asociación, en palabras do alcalde, "creouse exclusivamente para a organización desta festa. Así que encárgase do traballo organizativo, da xestión do Jran Prix, de todo o que hai arredor, como a cea das peñas, e tamén colabora na organización das diferentes actividades que hai durante a Festa do Emigrante, como a sardiñada do sábado. Ademais, tamén se ocupa de recadar as colaboracións dos comercios e da hostalaría local. En definitiva, fai un traballo de apoio ao Concello".

Porque, ao final, a Festa do Emigrante non é só unha cita no calendario. É o momento no que Val do Dubra volve xuntar aos que quedaron e aos que un día marcharon. Moita xente volve, en palabras de Diego Luis, "porque temos unha natureza impresionante, unhas rutas que paga a pena percorrer, enclaves para visitar, unha gastronomía moi potente e estamos ao lado da capital de Galicia" Uns días para reencontrarse coa familia, cos amigos e coa terra. Unha celebración que, ano tras ano, segue facendo honra ao seu nome e que, para moitos, marca o verdadeiro regreso á casa.

Tracking Pixel Contents