Estes son os seis finalistas do certame de espectáculos teatrais de pequeno formato de Carballo
As pezas que competirán no concurso Micro-Escenas M2 transitan por disciplinas como o clown, a danza, o teatro de obxectos ou o teatro de máscaras

Protagonistas de 'Planeta pop: a alien que se converteu en superestrela', de Aterradas. / Cedida
A décima edición do certame Micro-Escenas M2 do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo xa ten finalistas. Os espectáculos experimentais de pequeno formato que foron seleccionados poderán verse o vindeiro mes de outubro durante a celebración da 35º edición do festival.
Entre as 25 propostas recibidas, as 6 pezas seleccionadas (das cales, 5 serán estreas absolutas) son: wOHrk, de Iván Dávila; A vinganza contra o Dr. Tirarrollas, da Compañía Humana; Fogar, de La Tercera; A casa do avó, de Candil Teatro; A vergonza era verde e comeuna a vaca, de Alicia López Méndez; e Planeta pop: a alien que se converteu en superestrela, de Aterradas.

Imaxe do espectáculo 'A vinganza contra o Dr. Tirarrollas', da Compañía Humana. / Cedida
Son propostas que transitan por disciplinas tan diversas como o clown, o teatro de obxectos, o teatro de máscaras, a danza, o teatro físico ou o de actor.
O xurado de profesionais das artes escénicas desta edición estivo integrado por Caterina Varela, artista, comisaria e xestora cultural, directora das Residencias Paraíso, do Colectivo RPM; Gustavo del Río, director, dramaturgo e xestor cultural; Alba Bermúdez, actriz e codirectora da compañía Galeatro; Carmen Castro, directora artística do FIOT e xefa do Servizo de Cultura do Concello de Carballo; e Xiana Márquez, membro da organización do FIOT e monitora cultural da concellería de Cultura de Carballo, en calidade de secretaria do xurado e sen voto.
En palabras do xurado, “esta décima edición do certame continúa reafirmando o seu compromiso coas artes vivas, coa investigación de novas linguaxes, coa exploración de novos formatos e co impulso de compañías e creadores emerxentes. É un laboratorio aberto para experimentar cos límites do teatro e expandir as súas formas”.
O certame Micro-Escenas M2 é unha iniciativa de teatro de proximidade, primeira creada en Galicia, que busca visualizar novos formatos e experiencias escénicas, así como apoiar compañías e creadores emerxentes.
As propostas finalistas poderán verse en espazos non convencionais e singulares de Carballo durante as fins de semana do FIOT: a conserxería do Pazo da Cultura, a pastelaría Zuccaro, o Xardín Rosalía de Castro, a tenda de segunda man Buy & Sell, a tenda de calzado barefoot Upa! e a tenda de roupa infantil Sweet Spirit.

Iván Dávila presentou a peza 'wOHrk'. / Cedida
A entrada será libre ata completar a capacidade de cada espazo. Recoméndase facer unha reserva no enderezo electrónico fiot.microteatroentrada@gmail.com unha vez anunciado o programa do FIOT o vindeiro mes de setembro.
Sen barreiras, sen distancias, sen rede. O teatro cara a cara. Próximo, fugaz, en estado puro. O certame Micro-Escenas M2 é teatro que irrompe no cotián, instalándose en espazos de vida compartida.
Unha experiencia íntima e envolvente que sitúa o público a un paso da escena. Unha oportunidade para cruzar miradas, sentir a proximidade dos intérpretes, escoitar cada respiración e descubrir xestos, sons e aromas que transforman o encontro teatral nunha vivencia distinta e intensa.

Alicia López Méndez é finalista coa obra 'A vergonza era verde e comeuna a vaca'. / Cedida
Deste xeito, esta edición continúa apoiando a creación escénica de novos formatos e compañías e artistas emerxentes, ofertando un espazo no que poder experimentar sobre os límites do feito teatral.
As seis pezas finalistas recibirán unha compensación económica de 500 euros, ademais de optar, durante a celebración do FIOT, aos galardóns de Mellor Espectáculo e Mellor Interpretación, recoñecementos que outorgará o público finalizado o evento e que suporán outro premio de 150 euros en cada caso.
- Muere Manuel Peleteiro Ramos, hijo de los fundadores del Colegio Peleteiro de Santiago
- Medio Ambiente detecta un auge de la pesca eléctrica en los ríos gallegos: «No me esperaba que hubiese tanto furtivismo de este tipo»
- Las nueve medidas con las que el candidato del PP Borja Verea quiere convertir Santiago en 'la mejor capital de Europa' para las familias
- El primer bar vikingo de Santiago abre con un barco a tamaño real como barra: 'Va a ser algo nuevo en la ciudad
- De perseguir autógrafos en Lavacolla a levantar la Copa del Mundo: Borja Iglesias vuelve a casa para ser homenajeado
- Dos jóvenes acaban en el hospital tras sufrir violentas agresiones en las fiestas de A Mercé de Conxo
- Hallan en el convento pontevedrés de Santa Clara un cerebro saponificado, restos de niños y el cadáver de un capellán
- Santa Minia de Brión 2026: Luar na Lubre, Olympus y Finisterre en la primera edición como Fiesta de Interés Turístico de Galicia