Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Gastronomía, cultura e mocidade: os ingredientes dunha Galicia Calidade cociñada no rural e con produtos de km 0

O conselleiro de Cultura e a conselleira de Medio Rural visitaron en Boqueixón os cativos do campamento de verán de temática culinaria

José López Campos conversa cunha nena do campamento Experiencia Galicia Calidade do Verán.

José López Campos conversa cunha nena do campamento Experiencia Galicia Calidade do Verán. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Boqueixón

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, puxo en valor a importancia de fomentar o vínculo entre a gastronomía, a cultura e a mocidade para potenciar a imaxe de Galicia Calidade.

López Campos visitou este martes coa conselleira do Medio Rural, María José Gómez, o Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude, en Boqueixón, onde se está levando a cabo a segunda quenda do campamento de temática culinaria Experiencia Galicia Calidade do Verán destinado a rapazada de entre 9 e 13 anos de idade.

Tal e como explicou o conselleiro, "esta proposta é unha das principais novidades nesta edición da campaña de verán que volve ser este ano un referente en todo o Estado ao ofrecer 11.932 prazas en campamentos, minicampamentos, campos de voluntariado, propostas de lecer alternativo para maiores de 18 anos e uso de instalacións xuvenís”.

As autoridades cos monitores e os cativos do campamento de Sergude.

As autoridades cos monitores e os cativos do campamento de Sergude. / Cedida

“Trátase dun dos principais programas do Goberno galego para a mocidade e constitúe un importante recurso de conciliación e lecer saudable”, apuntou López Campos.

Neste senso, o representante do Goberno galego, que estivo acompañado pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, e polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, agradeceu o traballo e compromiso dos profesionais Pablo Vila e Manuel Garea, que se implicaron nesta proposta, e dos cociñeiros do Grupo Nove Lucía Freitas e Daniel López.

“En Galicia temos a sorte de contar con grandes cociñeiros que afianzan a imaxe de Galicia Calidade a través da nosa gastronomía e que estes días compartiron a súa experiencia e saberes cos mozos que participaron neste campamento”, apuntou.

Experiencia Galicia Calidade do Verán vincula o lecer educativo coa cociña, o produto local, o medio rural e coñecemento da contorna.

Ademais das actividades de cociña centradas na iniciación das tarefas, nas técnicas culinarias, na cociña creativa, na repostería, na gastronomía de diferentes partes do mundo e no produto de quilómetro 0 mediante a utilización de ingredientes locais, frescos e de tempada cultivados ou elaborados en zonas próximas, as actividades do campamento compleméntase con propostas lúdico-educativas como xogos colectivos, obradoiros de manualidades, saídas pola contorna e no coñecemento da flora.

María José Gómez, esquerda, e José López, cos cativos de campamento, nun taller de cociña.

María José Gómez, esquerda, e José López, cos cativos de campamento, nun taller de cociña. / Cedida

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, pola súa banda, sinalou que “é todo un acerto” fomentar a conexión e o contacto directo dos nenos e nenas coa gastronomía e cos produtos agroalimentarios galegos de calidade diferenciada.

Gómez asegurou así que a rapazada que participa nesta iniciativa pode coñecer non só estas elaboracións, senón que tamén poden ver nelas unha saída profesional á que dedicarse nun futuro.

Neste sentido, Medio Rural organizou talleres gastronómicos centrados de xeito específico naquelas producións agraolimentarias amparadas baixo denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas. Concretamente, sobre queixos con DOP, Mel de Galicia con IXP, xeados artesáns e Ternera Gallega.

María José Gómez lembrou así que Galicia é un referente na produción de calidade diferenciada, conformada por un total de 36 Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas, que as converten nunha das comunidades autónomas con máis distintivos deste tipo, ás que cómpre engadir a produción ecolóxica e o selo de Artesanía Alimentaria.

Tracking Pixel Contents