Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O folk de Milladoiro, cinco décadas levando Galicia por bandeira

A histórica formación galega actuará este mércores na Alameda de Esteiro, nun concerto enmarcado no ciclo Concertos da Eclipse

Milladoiro en concerto

Milladoiro en concerto / Andrés Rey

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Iker Cotón

O folk de Milladoiro non coñece fronteiras. No outono de 1978, uns amigos de Santiago de Compostela xúntanse para facer música. O seu amor polos aspectos tradicionais do folk galego empúrraos a formar un grupo sen saber que, 48 anos despois, percorrerían todo o planeta. Case cinco décadas despois daquela primeira reunión, Milladoiro continúa sendo unha das formacións de referencia da música tradicional galega. A súa seguinte parada terá lugar mañá, mércores 12 de agosto ás 21.30 horas, na Alameda de Esteiro (Muros), cunha actuación enmarcada nos Concertos da Eclipse.

Para Pepe Ferreirós, un dos seus integrantes, a agrupación nace co obxectivo de "facer o que se estaba facendo no resto de Europa, en países como Francia, como Gran Bretaña, Irlanda, Hungría, outros países dentro de Europa, onde había xa xente nova traballando na súa música tradicional". A intención era recuperar e actualizar un patrimonio musical que, naquela altura, corría o risco de quedar relegado ao esquecemento. Esta procura por traer de volta o tradicional levaríaos a publicar 24 discos gravados en estudo e en directo, aparecer en bandas sonoras de numerosas películas e colaborar con entidades como a USC, a BBC ou o Real Club Celta de Vigo.

Pegada internacional

O mundo enteiro foi testemuña das súas pezas musicais: Buenos Aires, Tokio, Nova York, Ámsterdam, Moscova... Unha expansión internacional que comezou xa nos primeiros anos da formación e que converteu a música galega nunha carta de presentación de Galicia ante públicos de todo o mundo. "Ao principio, nas primeiras saídas, tiñas que explicar de onde procedías, pero, bueno, a medida que a cousa se foi afianzando, hoxe en día non é nada raro que grupos galegos estean en festivais en calquera parte do mundo", explica Ferreirós.

Con respecto ao lugar máis emocionante ao que levaron a súa música, Pepe Ferreirós comenta que non é unha decisión doada: "Ten en conta que levamos 47, 48 anos tocando e tocamos en moitos lugares emblemáticos, desde a Catedral de Saint John the Divine, en Nova York, ata o Museo das Civilizacións de Ottawa, ou as festas de Ramadán en Alxeria".

A pegada internacional de Milladoiro é, deste xeito, tamén unha mostra da capacidade da música galega para traspasar fronteiras e conectar con públicos moi diferentes sen renunciar ás súas raíces. Con respecto á nova onda de proxectos folclóricos en galego, opina que "a música está en constante movemento e hai xente moi creativa e interesante". Con case medio século de historia ás costas, Milladoiro afronta así unha nova cita mantendo intacta a esencia coa que naceu en 1978: reivindicar a música tradicional galega e levala moito máis alá das fronteiras de Galicia.

Tracking Pixel Contents