Valga celebrará a Festa da Anguía con dez días de actividades
Antía Piñeiro, candidata a mellor profesora de España, será a pregoeira da XXXVI edición da festa

Álex Iglesias elaborando unhas tapas de anguía nunha edición anterior da festa. / Cedida
Iker Cotón
Valga acollerá a XXXVI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País con numerosas actividades durante o mes de agosto. O Concello procura deste xeito enxalzar estes dous produtos locais con propostas culturais, lúdicas e gastronómicas nunha festa declarada de Interese Turístico de Galicia.
O día grande das celebracións terá lugar o sábado 29 de agosto na área recreativa do Parque Irmáns Dios Mosquera. Os asistentes poderán degustar de 1.000 tapas de anguía en cinco receitas distintas: catro delas elaboradas polo chef lalinense Álex Iglesias e a outra restante cociñada polo bar O Pontellón, gañador da última edición da "Tapa a Anguía" cunha croqueta de anguía rebozada en pasta kataife sobre chutney de mazá. Os máis cativos poderán desfrutar dunha gran festa infantil con inchables, obradoiros e festa da escuma.
Os asistentes tamén poderán desfrutar de ata catro variedades de cócteles elaborados con caña branca, de herbas e tostada. Ademais, no Centro de Interpretación da Caña celebrarase a demostración de destilado tradicional de augardente a cargo de dous cañeiros de Valga. Á medianoite terá lugar unha gran queimada popular gratuíta, conxurada polo Bruxo Queiman.
Para o mesmo sábado 29 está previsto un concerto da Banda Municipal de Valga, o espectáculo Queiman Folk-Rock e a verbena coas orquestras París de Noia e Marbella. Ademais, terá lugar a entrega de premios do Concurso da Caña do País e a elección da tapa gañadora da ruta gastronómica centrada na anguía. O pregón da festa correrá a cargo de Antía Piñeiro, mestra titora da escola de Vilarello e candidata a mellor profesora de España nos Premios Educa Abanca.
Ruta gastronómica
Este ano, a ruta gastronómica "Tapa a Anguía" celebrarase durante as dúas últimas fins de semana de agosto e contará co número de participantes máis elevado das últimas edicións. Trece establecementos hosteleiros de Valga ofrecerán petiscos de balde coas consumicións: Bar Pardal, Pastelería Caprichos, Bar Maneiro, Bar Potel, Café-Bar Pontellón, Bar Juan, Restaurante A Charca, Café-Pub Pirata, Café-Bar Couceiro, Café-Bar Xa Bou, Cafetería Auditorio, Casa Comparada e Bar Alba.
Os veciños e visitantes poderán desfrutar dos petiscos os sábados 22 e 29 de agosto de 12:00 a 15:00 e de 20:00 a 23:00 horas e os domingos 23 e 30 de agosto de 12:00 a 15:00.
Programa de actividades
A programación da XXXVI Mostra da Caña do País de Valga arrincará este martes, 11 de agosto, coa exposición, na Casa do Concello, dos carteis presentados ao concurso para elixir a imaxe anunciadora da festa. Ese mesmo día terá lugar no Parque Irmáns Dios Mosquera o showcooking "A Caña no prato", a cargo do chef Álex Iglesias, para o que xa se completou o aforo.
O martes 18 celebrarase o concurso "Anguía Chef", no Centro de Interpretación da Caña do País, no que os participantes presentarán pratos elaborados con anguía que serán valorados por un xurado. O venres 21, Carolina Rubirosa e Xavier Alcalá ofrecerán no Parque Irmáns Dios Mosquera o concerto "Deitado na area", en homenaxe a Andrés do Barro.

Preparación de tapas con anguía dunha edición anterior. / FDV
O sábado 22, ademais da ruta "Tapa a Anguía", tamén se realizará a visita do xurado aos espazos participantes no concurso Embelecer Valga, mentres que o domingo haberá unha demostración de coctelería, "Moito máis que caña", a cargo de Álex Iglesias. A programación continuará o martes 25 cun novo showcooking, "Universo Anguía", no Centro de Interpretación da Caña. O xoves 27 terá lugar a precata do Concurso Tradicional da Caña do País, seguida do sorteo dos vales de compra da ruta gastronómica.
O venres 28 celebrarase a presentación da botella conmemorativa da XXXVI Mostra e a cata final do concurso. A gran xornada da Mostra será o sábado 29 de agosto, cun amplo programa gastronómico, musical e lúdico. As celebracións pecharanse o domingo 30 de agosto coa última xornada da XIII Ruta-Concurso "Tapa a Anguía".

Cartel da XXXVI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. / Cedida
- Los refugios de Jesús Cintora en Galicia: playas protegidas, miradores y atardeceres en las Rías Baixas
- Suspendido el mayor festival de música urbana de Santiago
- La orquesta que quiere devolver a las verbenas las canciones que marcaron a toda una generación
- Muere a los 85 años de edad Hipólito Rodríguez Visos, fundador de la emblemática empresa Mármoles del Río
- Val do Dubra despide a la exconcejala Celsa Oreiro tras su fallecimiento y decreta dos días de luto
- Cuando Galicia estuvo en el epicentro del debate nuclear: medio siglo de la autorización para una central en la costa de Lugo que nunca llegó a levantarse
- Del sobrino de Pondal a una tía de Rajoy: el CSIC recupera la ciencia gallega depurada por el franquismo
- Las fiestas del Cruceiro da Coruña en Santiago ya tienen fecha: cuatro días de verbenas, pasacalles y tradición