As máquinas traballan xa en Baldaio para retirar o tapón de area da canle e restablecer a conexión da lagoa co mar
As tarefas, que se iniciaron coa baixamar para aproveitar a dinámica das mareas, dependerán das condicións meteorolóxicas e marítimas da zona

Maquinaria traballando xa para reabrir a canle da lagoa de Baldaio. / Cedida
A Xunta de Galicia empezou a actuar este xoves na lagoa de Baldaio (Carballo) co fin de restaurar o intercambio natural de auga entre o humidal e o medio mariño.
Os traballos, que se iniciaron coincidindo coa baixamar para aproveitar a propia dinámica das mareas e que dependerán en boa medida das condicións meteorolóxicas e marítimas da zona, buscan retirar o tapón de area existente co obxectivo de que a canle estuarina recupere a súa funcionalidade e se restableza a conexión natural entre a lagoa e o mar.
Nesta primeira fase, a maquinaria rebaixará a acumulación de area existente na zona da canle para crear unha pendente que facilite a saída progresiva da auga. Posteriormente, completarase a apertura da canle ata acadar a profundidade necesaria para favorecer un fluxo gradual entre a lagoa e o mar.
Durante a execución dos traballos adoptaranse as preceptivas medidas de seguridade e limitarase o tránsito de maquinaria ás áreas estritamente necesarias para minimizar a afección sobre os hábitats e as especies protexidas.
Esta actuación é o resultado do protocolo asinado recentemente polas consellerías de Medio Ambiente e Cambio Climático e do Mar e o Concello de Carballo co fin de corrixir a situación hidroecolóxica actual deste espazo natural e avanzar na definición dunha solución estable para a súa conservación presente e futura.
Tal e como establece ese protocolo, a Consellería do Mar achega os medios materiais necesarios para executar as actuacións puntuais, de emerxencia e inmediatas que se inician mañá co fin de corrixir a situación hidrolóxica actual. Faino de acordo coas especificacións técnicas da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que autorizou e coordina estas actuacións.
O Concello de Carballo, pola súa banda, comprometeuse a adoptar todas as medidas necesarias para colaborar no marco das súas competencias e facilitar o desenvolvemento dos traballos previstos, en especial desde o punto de vista operativo e loxístico.
Un plan integral e a longo prazo para a xestión do espazo
Esta iniciativa parte da necesidade de dar unha resposta coordinada á situación que presenta actualmente a zona húmida Marismas de Baldaio, un enclave integrado na Rede Natura 2000 e na Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos no que a perda da conexión natural co mar está a provocar unha importante deterioración das condicións ambientais.
En concreto, o peche reiterado da canle de comunicación co océano dificulta a renovación da auga da lagoa, favorece episodios de anoxia e incrementa de forma significativa a temperatura da auga, o cal compromete tanto o estado de conservación dos hábitats e especies presentes neste espazo como a viabilidade da actividade marisqueira, así como as condicións adecuadas de salubridade.
Neste contexto, a proposta acordada pola Xunta e o Concello non só recolle estas actuacións urxentes, senón que tamén aposta por abordar o futuro da lagoa desde unha perspectiva integral e a longo prazo a través dunha comisión técnica de seguimento na que as distintas administracións implicadas colaborarán na elaboración dunha proposta global de intervención e xestión.
Así, o futuro plan establecerá as actuacións necesarias para garantir un estado de conservación favorable dos hábitats e das especies, asegurar a continuidade dos aproveitamentos marisqueiros tradicionais e propiciar un uso compatible e sustentable deste espazo natural de referencia na costa galega.
- Muere ahogado en una playa de O Grove Carlos Nieves, histórico concejal del PSOE de Santiago que estuvo 24 años en Raxoi
- Llegan de Gran Canaria con sus dos hijos de 3 y 4 años para hacer el Camino tras una depresión y acaban siendo 'el aliento' de otros peregrinos
- Fallece el exalcalde de Negreira José Manuel López Tuñas
- Las tres boyas gallegas baten en agosto sus récords históricos de temperatura más alta: «Hay especies marinas que se están desplazando hacia el norte»
- La última oportunidad del verano para ver juntas a Panorama, París de Noia y Los Satélites: a 30 minutos de Santiago y con fuegos artificiales
- Buscan en Negreira a José Manuel Baña Sieira, un vecino de Campolongo desaparecido desde este jueves
- Santiago se convierte en un cluedo en vivo: un asesino, nueve pruebas y una noche para sobrevivir
- Del mercado de ganado en la Alameda a un Toural lleno de carros: así era Santiago hace un siglo a través de la mirada de Ruth Matilda Anderson