Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Dodro restrinxe o uso de auga debido á alerta decretada pola Xunta

A alerta de escaseza afecta a máis de 427.000 galegos en 32 concellos

Embalse de Eiras entre Fornelos de Montes e Ponte Caldelas.

Embalse de Eiras entre Fornelos de Montes e Ponte Caldelas. / Adrian Irago

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Iker Cotón

O Concello de Dodro informou esta mañá de restricións no uso da auga ante a situación actual de diminución das reservas. Estas medidas temporais buscan garantir o abastecemento de auga potable para o consumo humano e os usos esenciais. A Xunta decretou recentemente unhaalerta de escaseza de auga que afecta a máis de 427.000 galegos.

O Goberno municipal de Dodro anunciou nun comunicado oficial tres medidas de cumprimento obrigado para reverter a situación de escaseza. O Rexemento local prohibe o enchido total ou parcial de piscinas privadas. Prohíbese tamén o lavado de vehículos mediante mangueira ou outros sistemas que empreguen auga da rede municipal, así como o rego de xardíns, zonas verdes, hortas de lecer e espazos ornamentais utilizando auga procedente da rede municipal.

O Concello recomenda, ademais, realizar un uso responsable da auga, evitando consumos innecesarios e adoptando medidas de aforro no ámbito doméstico e comercial, dentro do posible. Estas restricións permanecerán en vigor ata que a situación de abastecemento permita a súa retirada. O Goberno local considera que «a colaboración de toda a veciñanza é fundamental para preservar un recurso esencial como é a auga e garantir a súa subministración a toda a poboación».

Consellos para aforrar

O Concello publicou nas súas redes sociais varios métodos efectivos de aforro de auga. Pechar as billas correctamente e comprobar que non existen fugas son dous xestos sinxelos que poden contribuír a reducir o consumo de auga. Tamén recomenda poñer a lavadora e o lavalouzas cando estean completamente cheos, evitar lavar a froita directamente baixo a billa e empregar un recipiente para facelo. Gardar auga fresca na neveira permite, ademais, evitar deixar correr a billa ata que alcance a temperatura desexada. No caso de adquirir un novo electrodoméstico, convén ter en conta o seu consumo de auga e optar polos modelos máis eficientes.

No baño tamén se poden aplicar diferentes medidas para reducir o gasto. É preferible ducharse en lugar de bañarse e pechar a billa mentres se realiza o afeitado ou outras tarefas que non requiran auga corrente. Do mesmo xeito, pódese aproveitar a auga que se deixa correr mentres se agarda a que saia quente para outros usos. Revisar periodicamente a cisterna e reparar posibles fugas son outras accións sinxelas que axudan a evitar un consumo innecesario.

No xardín e na piscina tamén é importante facer un uso responsable da auga. Para o rego, recoméndase escoller as horas de menor evaporación, mentres que no lavado do vehículo é preferible utilizar sistemas automáticos fronte ao emprego de mangueiras. No caso das piscinas, cubrilas cando non se utilizan permite reducir a evaporación, e comprobar que non existen fugas axuda a evitar perdas. Tamén se pode instalar un sistema de paro automático nas duchas próximas á piscina para limitar o consumo.

Tracking Pixel Contents