«Aguantamos ata que dea o corpo»: xigantes e cabezudos toman as rúas da Pobra
As rúas da Pobra énchense cada ano de risas, carreiras e algún que outro susto ao paso dunha comitiva que mantén viva unha tradición con séculos de historia

Desfile de xigantes e cabezudos na Pobra do Caramiñal. / Cedida
Iker Cotón
Se hai algo que caracteriza ás festas do Carme dos Pincheiros son os desfiles de xigantes e cabezudos que ateigan as rúas durante os días de celebración. Estes curiosos personaxes chaman a atención de pequenos e maiores, que se achegan para acompañar o seu percorrido e desfrutar dunha das tradicións máis arraigadas da Pobra do Caramiñal. Máis aló do seu valor como tradición, estas figuras de grandes cabezas seguen a ter na cativada os seus espectadores máis entregados. Entre risas, carreiras e algún que outro susto, os máis pequenos seguen de preto os pasos da comitiva formada por 26 xigantes e cabezudos, convertendo cada saída nun dos momentos máis agardados da programación festiva.
A orixe das procesións destes peculiares personaxes remóntase ao século XVIII, cando os rapaces da vila encabezaban a procesión do Corpus para animar ao público asistente. Hoxe en día, moitos rapaces e rapazas da vila continúan esta tradición con orgullo e agarimo. É o caso de Lois Moledo, un rapaz da Pobra de 23 anos que leva desde os 16 portando un dos xigantes que animan estes desfiles. Comezou no 2019, levando «o Negro ou a Negra, que son os que menos pesan», conta.
Para Lois, estes desfiles son «o núcleo principal das festas, tanto pola mañá como pola tarde animan á xente a saír pola vila e a tomar algo». O certo é que estes desfiles son un dos piares fundamentais das celebracións do Carme dos Pincheiros, tanto para os veciños como para os participantes desta curiosa comitiva cabezuda: «Para min parece que é unha tradición moi valorada na vila. Tanto para a xente que está dentro dos xigantes e dos cabezudos como para a xente que está fóra», comenta o portador do xigante.
Ata que o corpo aguante
Aínda que estes peculiares personaxes anden de troula pola Pobra, non sempre son sinxelos de manexar: «Os xigantes temos de todo tipo. Temos desde o Negro e a Negra, que son os máis pequenos, que pesan 35 ou 40 quilos, e despois pode chegar o xigante representativo da Pobra, que pesa case 100 quilos». Malia o elevado peso das figuras, Lois comenta que poden aguantar de troula con elas «tres, catro horas... se vemos que hai moito rebumbio e temos forzas, aguantamos ata que dea o corpo».
Non todo é cargar con eles. Cabezudos e xigantes bailan polas rúas, animan aos espectadores e crean o caos en bares e tendas. Precisamente, este é un dos momentos que máis desfruta Lois: «A min o que máis me gusta é cando os cabezudos bailan ou fan algunha parvada. Entran nun bar e se poñen a tolear cos camareros, ou están en calquera sitio facendo flexións ou subíndose ás fontes. É o que máis desfruto porque estamos todos reunidos, todos mirando... É un momento bonito».
Entre bailes, carreiras e algunha que outra parvada, os cabezudos e xigantes manteñen viva unha tradición centenaria á vez que animan a veciños e visitantes durante as festas. Unha tradición que se constrúe, en gran parte, por estas trasnadas atemporais dos peculiares protagonistas das procesións.
- La orquesta que quiere devolver a las verbenas las canciones que marcaron a toda una generación
- Suspendido el mayor festival de música urbana de Santiago
- Val do Dubra despide a la exconcejala Celsa Oreiro tras su fallecimiento y decreta dos días de luto
- Cuando Galicia estuvo en el epicentro del debate nuclear: medio siglo de la autorización para una central en la costa de Lugo que nunca llegó a levantarse
- Del sobrino de Pondal a una tía de Rajoy: el CSIC recupera la ciencia gallega depurada por el franquismo
- Muere a los 85 años de edad Hipólito Rodríguez Visos, fundador de la emblemática empresa Mármoles del Río
- El primer parking subterráneo público de Ames, de pago, listo en O Milladoiro
- Netflix busca en Galicia figurantes para rodar el final de ‘Clanes’ cerca de Santiago: esta es la profesión muy arraigada que piden