Máis de 400 familias de Carballo forman parte xa do programa para favorecer a crianza en galego de 0 a 6 anos
Coa iniciativa De landras a carballos, o Concello amplía a proposta á franxa de 6 a 12 anos, para completar toda a etapa de Educación Primaria

Daniel Pérez, flanqueado por Ángeles Pacoret e Maica Ures. / Cedida
Carballo foi hai unha década o punto de partida dun proxecto concibido para acompañar as familias que queren criar os seus fillos e fillas con apego á lingua galega desde os primeiros anos de vida. Hoxe son xa máis de 400 as familias carballesas que forman parte de Apego, unha cifra que segue medrando e que evidencia que cada vez son máis as persoas que queren facer do galego a lingua da crianza, dos afectos, do xogo e da vida cotiá.
A concelleira de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, destacou durante a presentación da programación do segundo semestre que Apego mantén intacto o obxectivo co que botou a andar hai dez anos: ofrecer recursos, experiencias e espazos de socialización ás familias con crianzas de 0 a 6 anos que queren medrar en galego.
Pero, neste décimo aniversario, o acompañamento dá un paso máis. A través da iniciativa De landras a carballos, o Concello amplía a proposta á franxa de 6 a 12 anos, para completar deste xeito toda a etapa de Educación Primaria.
A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Maica Ures, explicou que De landras a carballos é «un programa de acompañamento ás familias que queren educar ás súas crianzas en igualdade e con apego á lingua».
A nova liña permite así dar continuidade ao traballo iniciado con Apego, incorporando actividades relacionadas coa igualdade, a prevención do acoso, a ruptura dos estereotipos de xénero ou a visibilización das mulleres na ciencia.
O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, salientou pola súa banda que esta programación é tamén un exemplo da colaboración entre distintas áreas municipais para desenvolver políticas transversais. «Educar en igualdade e educar en galego non son obxectivos separados, senón dúas maneiras de construír unha sociedade máis libre, máis consciente e máis cohesionada», sinalou.
O rexedor puxo en valor a coordinación entre Normalización Lingüística, Servizos Sociais e Igualdade e outras áreas municipais implicadas nunha programación que acompaña as familias ao longo das distintas etapas da infancia.
Programación
No tocante ás actividades do programa Apego para os vindeiros meses, o 16 de setembro haberá un obradoiro de seguridade viaria. As crianzas deberán levar bicicleta, monopatín, patinete, triciclo ou outro vehículo similar para participar nun circuíto no que aprenderán normas básicas de circulación ao tempo que gañan autonomía.
O 7 de outubro terá lugar un obradoiro familiar de creación con elementos naturais no que as crianzas poderán experimentar con follas, flores, sementes e outros materiais para realizar composicións inspiradas nas cores e formas do outono.
O 21 dese mes tamén se fará unha actividade de recompilación de pequenos contos, rimas, arrolos e xogos de palabras procedentes da tradición oral, pensados para os primeiros oídos curiosos e para compartir en familia a forza da palabra, o ritmo e o humor.
O 4 de novembro Valeria García Rey plantexará unha proposta na que o xogo e a psicomotricidade favorecen o desenvolvemento e o benestar. A través do movemento compartido en familia fortalécense os vínculos afectivos, a comunicación en galego e a confianza nun ambiente seguro e acolledor.
Por outra banda, o 18 de novembro Alba Bermúdez, de Galeatro, contará a historia do seu avó, botóns dun hotel moi especial no que cada cuarto agocha unha emoción: a ira, a alegría, o medo, o noxo... Unha proposta teatral para descubrir, escoitar e nomear aquilo que sentimos.
O 2 de decembro, Davide González e Iria Pinheiro presentarán un espectáculo sensorial deseñado para a primeira infancia, cunha viaxe musical a través de melodías e sons que estimulan a curiosidade dos bebés nun ambiente seguro e acolledor.
E o 16 dese mes, Bonecos Animación protagonizará un encontro para compartir en galego tempo de calidade a través do xogo, crear vínculos, facer comunidade e seguir medrando con Apego.
E o 18 de decembro, ás portas do Nadal, celebrarase unha actividade para achegar ás crianzas a figura do Apalpador a través de contos, cantigas e xogos. A visita incluirá o reparto de 300 plantas de carballo.
Así mesmo, ese día haberá un espazo para que as familias se acheguen ás cantigas e aos bailes tradicionais mediante propostas participativas e divertidas. Participarán agrupacións locais de música e baile tradicional.
No tocante ao programa De landras a carballos, para nenos e nenas de 6 a 12 anos, o 18 de setembro Raquel Queizás presentará un espectáculo que recupera historias de mulleres valentes, autónomas e revolucionarias e de homes que rompen coa máscara da masculinidade para mostrar a súa sensibilidade. Unha proposta para revisar os contos e os roles tradicionais desde unha mirada igualitaria.
O 16 de outubro, A Xanela do Maxín proporá un xogo dramático que se converte nunha ferramenta para explorar posibles solucións ao acoso escolar. Tras a presentación das escenas, o público participa activamente na procura de alternativas, converténdose tamén en axente de cambio.
O 20 de novembro, Marta Ortiz proporá exercicios, xogos e técnicas de teatro social para reflexionar sobre as desigualdades de xénero, identificar a violencia de xénero e buscar solucións de maneira activa e colectiva.
O 11 de decembro, Trémola Teatro presentará un contacontos teatralizado que combina igualdade e divulgación científica.
- Compostela perde un dos seus activistas culturais: morre aos 52 anos Gonzalo Suárez Castro, da Unitaria
- El pueblo gallego que reparte 20.000 raciones de callos este fin de semana: ideal para recorrer a pie, con catas gratis y cine al aire libre
- El pub de Santiago donde la gente se reúne para hablar de la muerte: 'Aquí nadie te juzga ni te mira raro
- Seis policías nacionales salvan la vida a una mujer tras una brutal agresión de su pareja en una vivienda de Santiago
- Contra el abandono del monte, cachenas: «Gestionan la vegetación para evitar que el incendio sea tan virulento»
- El Río Breogán vence al Monbus Obradoiro y se enfrentará al Leyma Coruña en la final de la Copa Galicia
- Así es el asombroso pazo a 20 minutos de Santiago en el que se rodó 'Las hijas de la criada', la serie que ya arrasa con su estreno en Antena 3
- Fallece una mujer tras ser evacuada por una indisposición en el Monte Pindo, en Carnota