Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Carme dos Pincheiros que nace do mar e vive na rúa

Entre tradición mariñeira, xigantes e cabezudos e propostas como os Sanjuerguines, A Pobra do Caramiñal celebra unhas festas con personalidade propia que cada ano reúnen a milleiros de persoas.

Tradicional desfile de xigantes e cabezudos durante as festas do Carme dos Pincheiros.

Tradicional desfile de xigantes e cabezudos durante as festas do Carme dos Pincheiros. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Iker Cotón

A Pobra do Caramiñal vístese de gala durante os catro días de duración das Festas do Carme dos Pincheiros. Do 14 ao 17 de agosto, a vila situada entre a area da ría e a serra barbanzá desfruta dunhas celebracións na honra dos pincheiros, os mariñeiros que se dedicaban á arte da pesca do pincho, modalidade presente na ría de Arousa desde o século XVIII.

En agosto era cando remataba a campaña de pesca pincheira, e por iso os habitantes da Pobra decidiron trasladar as festividades que honran a Virxe do Carme a estas datas, o que transforma a localidade nun dos puntos máis transitados do litoral arousán. De feito, estas celebracións nacen dun feito histórico concreto: a salvación da tripulación dun barco que se viu inmerso nunha tempestade en 1752, cando cubría o traxecto entre Vilanova e A Pobra do Deán.

Tradición e evolución

Esta orixe mariñeira segue presente nas festividades pobrenses. Para a concelleira de Cultura da Pobra, Patricia Lojo, estas festas «teñen personalidade propia e emocionan moito á xente do mar». A pesar de ser unhas festas moi tradicionais, estas celebracións tamén deixan paso a outras iniciativas como os Sanjuerguines, que xa son marca da casa.

Esta peculiar festa celébrase o sábado e ten unha orixe relativamente recente, vinculada á mocidade da vila. Ata hai pouco máis dunha década, esta xornada limitábase a un pasarrúas co obxetivo de animar as festas do Carme, pero as novas xeracións da Pobra do Caramiñal propuxéronse convertela nunha actividade central das festas, introducindo unha festa da auga, olimpíadas pincheiras e sesións de DJ.

A organización deste evento é totalmente allea á comisión de festas. «Son unha pandilla de rapazas e rapaces os que o organizan e fan un traballazo porque moven a moita xente», explica Patricia Lojo. «Empezan cunha sesión vermú na zona do Castelo, despois pola tarde comezan o Desfile da Auga e logo teñen as Olimpíadas Pincheiras, que son uns xogos moi divertidos. E logo acaban con DJs, ou sexa, que están practicamente todo o día e conseguen que todo o día haxa un ambientazo na Pobra. Hai máis de 2.000 ou 3.000 persoas», relata a concelleira.

Cabezudos e xigantes

Outra tradición máis antiga son os tradicionais desfiles de xigantes e cabezudos que enchen as rúas da vila, atraen as olladas de pequenos e maiores e xeran un caos humorístico sen o que non se entenden estas festas. A súa presenza durante os días de celebración é unha das imaxes máis recoñecibles do Carme dos Pincheiros e unha tradición que, segundo explica Patricia Lojo, se mantén viva grazas ao relevo xeracional. Rapaces e rapazas percorren as rúas da Pobra ao ritmo da música, repetindo un ritual que forma parte da memoria colectiva da vila e que cada ano congrega tanto a veciñanza como aos visitantes.

Entre a tradición mariñeira que deu orixe á celebración, os históricos xigantes e cabezudos e iniciativas máis recentes como os Sanjuerguines, as Festas do Carme dos Pincheiros conseguiron construír unha identidade propia. Unha combinación de tradición e renovación que permite que a celebración se manteña viva e continúe sendo, ano tras ano, unha das grandes citas do verán na Pobra do Caramiñal.

Tracking Pixel Contents