Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Once investigadores e investigadoras achegaron a ciencia a case seiscentas persoas este verán en Carballo

Uxía Fernández e Ana Cambón pecharon o ciclo SolxCiencia cunha viaxe ao futuro do clima nun momento marcado pola seca, as vagas de calor e os incendios

Ana Cambón Periscal, enxeñeira aeroespacial carballesa, impartindo a charla.

Ana Cambón Periscal, enxeñeira aeroespacial carballesa, impartindo a charla. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Carballo

Neurociencia, oftalmoloxía, arqueoastronomía, historia, matemática aplicada, mecánica celeste, astronomía, astrofotografía, paleoclimatoloxía, satélites meteorolóxicos... Once investigadores e investigadoras, sete delas carballesas, participaron este verán nas actividades de divulgación científica impulsadas polo Concello de Carballo dentro do proxecto Talento quilómetro cero (TALK0).

Nesta ocasión, o programa permitiu achegar o coñecemento científico a máis de 550 persoas, entre as asistentes ás charlas e as participantes nas actividades infantís.

A programación permitiu sacar a ciencia dos ámbitos académicos para levala a espazos moi diversos do municipio: desde Baldaio e Razo ata o mercado municipal, os campamentos de verán ou a cafetería Baños Vellos.

O ciclo estival pechouse esta semana con algo máis de 50 persoas na última charla de SolxCiencia, protagonizada por Uxía Fernández e Ana Cambón, que propuxeron unha viaxe do pasado ao futuro para comprender mellor o clima: desde os rexistros naturais que permiten reconstruír a súa evolución ao longo de millóns de anos ata os satélites que hoxe permiten observalo e anticipar determinados fenómenos.

A sesión chegou ademais nun momento no que cuestións como a seca, as altas temperaturas, as vagas de calor ou os incendios ocupan boa parte da actualidade.

A primeira intervención correu a cargo de Uxía Fernández, investigadora vinculada ao grupo GRICA-BIOpast e ao Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña. Baixo o título O clima que ningún satélite viu, introduciu o público na paleoclimatoloxía, a disciplina que permite reconstruír como era o clima moito antes da existencia de satélites ou estacións meteorolóxicas.

Uxía Fernández, investigadora vinculada ao grupo GRICA-BIOpast e ao Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da UDC, impartindo a charla.

Uxía Fernández, investigadora vinculada ao grupo GRICA-BIOpast e ao Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da UDC, impartindo a charla. / Cedida

Uxía Fernández explicou que o clima da Terra sempre cambiou e repasou algúns dos factores naturais que provocaron esas variacións ao longo de millóns de anos, entre eles os movementos tectónicos, os cambios nos parámetros orbitais, a actividade solar ou o vulcanismo.

Unha das ideas centrais da súa intervención foi que o que diferencia o cambio climático actual é a súa aceleración, provocada polo aumento dos gases de efecto invernadoiro derivado da actividade humana.

O estudo do clima do pasado permite así poñer en contexto a rapidez coa que se está producindo o quecemento actual e comprender mellor fenómenos como as secas, as vagas de calor ou as condicións que favorecen os grandes incendios.

Da mirada ao pasado, SolxCiencia pasou ao presente e ao futuro coa intervención de Ana Cambón Periscal, enxeñeira aeroespacial carballesa que actualmente traballa en Alemaña na Organización Europea para a Explotación de Satélites Meteorolóxicos.

Na súa charla, titulada De Carballo ao Cosmos, Ana Cambón explicou o seu percorrido persoal e profesional desde Carballo ata o sector aeroespacial europeo e mostrou como os satélites se converteron nunha ferramenta fundamental para coñecer o que ocorre na atmosfera e na superficie terrestre e anticipar determinados fenómenos.

Asistentes a unha das charlas.

Asistentes a unha das charlas. / Cedida

Os datos obtidos por sistemas como Meteosat, o European Polar System ou os Sentinel permiten mellorar a predición meteorolóxica, detectar e seguir treboadas e lóstregos, anticipar choivas intensas e episodios de sarabia, observar incendios e anomalías térmicas ou facer seguimento da vexetación, das secas, das masas de auga e das zonas costeiras. Tamén proporcionan información sobre as ondas de calor, a calidade do aire e a evolución do clima.

As dúas intervencións construíron así un relato complementario: Uxía Fernández mirou cara ao pasado para explicar como evolucionou o clima e por que o cambio actual é diferente, mentres que Ana Cambón levou ao público cara ao presente e ao futuro, mostrando as ferramentas coas que hoxe podemos observalo, medilo e anticipar os seus efectos.

Un verán de ciencia en Carballo

A programación arrincou en xullo en Baldaio e reuniu ao longo destas semanas investigadores e investigadoras de áreas moi diversas, cunha atención especial ao gran fenómeno astronómico deste verán: a eclipse.

Grazas á participación de Isabel Lema Gesto, César González García, Begoña Nicolás Ávila, Borja Tosar e Óscar Blanco Varela, o público puido achegarse á eclipse desde perspectivas científicas tan diferentes como complementarias: a neurociencia e a oftalmoloxía, a arqueoastronomía e a historia, a matemática aplicada e a mecánica celeste, a astronomía observacional e a astrofotografía.

Neste mes de agosto, a ciencia chegou tamén aos máis pequenos a través dos obradoiros de caixas estenopeicas celebrados no mercado municipal e das actividades desenvolvidas nos campamentos de verán polas investigadoras locais Xanel Vecino, María Gómez, María Andrade e Olalla Rama.

Tracking Pixel Contents