Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A LARACHA

Música, obradoiros e patrimonio: Caión convida a gozar dos Rueiros da Vila para todos os públicos

A sexta edición do festival proxectará a localidade costeira como un faro turístico da Costa da Morte

O alcalde, no centro, na presentación do festival Rueiros da Vila, de Caión.

O alcalde, no centro, na presentación do festival Rueiros da Vila, de Caión. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Laracha

A vila larachesa de Caión volverá converterse entre o 20 e o 23 de agosto nun gran escenario aberto coa celebración da sexta edición dos Rueiros da Vila, o festival que cada ano leva a música, a cultura e diferentes propostas de lecer ás rúas, prazas e recunchos da vila.

Durante catro días o programa ofrecerá concertos de estilos diversos, actividades infantís, obradoiros, maxia e percorridos pola historia e o patrimonio de Caión, mantendo unha filosofía pensada para todos os públicos e con acceso gratuíto.

Cartel promocional do festival Ruerios da Vila 2026.

Cartel promocional do festival Rueiros da Vila 2026. / Cedida

Baixo o lema Mar, surf, música, historia, tradición, gastronomía, o festival que busca integrarse plenamente na identidade de Caión. O alcalde, José Manuel López Varela, salienta que o programa contribúe a proxectar Caión como "faro turístico" non só da Laracha, senón tamén da Costa da Morte, pola súa condición de porta de entrada norte desta comarca. "É un festival que está totalmente consolidado", afirmou o alcalde, que destacou tamén que cada ano "máis xente se achega a Caión" para gozar das diferentes actuacións.

A programación arrancará o xoves 20 de agosto cun percorrido guiado para coñecer a historia e as tradicións de Caión e coa actuación de The Majestics.

A música continuará sendo protagonista os seguintes días. O venres pola noite, con Mal Juicio e Bestas. A presenza de ambos grupos forma parte dunha das apostas destacadas desta sexta edición: o reforzo do talento musical local. De feito, tres formacións da Laracha están no cartel deste ano, unha presenza que se mantén desde as primeiras edicións dos Rueiros da Vila pero que este ano cobra especial relevancia.

Unha oportunidade para os grupos locais

O sábado será a quenda para Delasenda, outra banda larachesa. "É unha oportunidade tamén para os grupos locais de facer a súa presentación, e que mellor que facela no seu propio territorio", apuntou o alcalde durante a presentación. O sábado tamén actuarán Turbokraks e de Mediarea. E o domingo, o broche final será con Amoebo.

Ademais, tamén haberá espazo reservado para o público infantil e familiar cos Rueiros Pequeniños, que ofertarán o xoves un obradoiro de impresión mediante cianotipia, o venres continuarán co taller de música electrónica Faino Sonar e o domingo 23, co espectáculo de maxia de Marabijoshua.

Camiñar e desconectar

Borja Mahoney, representante de Sincro Audiovisual, empresa responsable da xestión do programa, asegura que Rueiros da Vila é xa "un proxecto sólido e maduro" que conta cun público propio. "Caión é o marco perfecto para camiñar, para desconectar", explicou, destacando que o festival pretende que as persoas que se acheguen á vila poidan descubrir propostas que non necesariamente coñecían previamente e marchen "coa mochila chea".

Nesa filosofía encaixa tamén a distribución dos escenarios e a flexibilidade do programa. O responsable de Sincro Audiovisual pon ademais o foco na sustentabilidade do evento. Segundo explica, tras cinco anos de programación, con 69 propostas desenvolvidas en seis escenarios diferentes, o festival apenas xerou "dous sacos e medio de lixo". Mahoney vinculou este dato a un modelo no que non se explotan barras nin se saturan os espazos con marcas comerciais e que está financiado integramente polo Concello.

Facilitar a convivencia familiar

A proposta mantén tamén a súa vontade de integrar o público familiar. Mahoney destacou que os horarios están deseñados para facilitar esa convivencia e que o concerto máis tardío comeza ás 22.00 horas.

O Concello anima tanto á veciñanza como ás persoas que visiten a comarca durante esas datas a achegarse a Caión e gozar das diferentes propostas. A programación poderá consultarse e seguirse a través dos perfís dos Rueiros da Vila en Facebook, Instagram e YouTube.

Os Rueiros da Vila son promovidos polo Concello da Laracha, xestionados por Sincro Audiovisual e contan coa colaboración da Deputación da Coruña, a Confraría de Pescadores de Caión e o Museo do Arquivo da Pesca.

TEMAS

Tracking Pixel Contents