Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Ames actuará de xeito transitorio na presa de Ponte Maceira recolocando as pedras para selar a fuga de auga

Os técnicos visitarán este mércores a estrutura para acordar como se farán os traballos, á espera de que Augas de Galicia execute unha obra valorada en 400.000 €

Participantes na reunión da Comisión da Seca de Ames, celebrada este martes.

Participantes na reunión da Comisión da Seca de Ames, celebrada este martes. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Ames

A Comisión de Seca de Ames, integrada no plan municipal de emerxencias ante situacións de seca, que foi aprobado por unanimidade no pleno de xuño, celebrou este martes a súa primeira reunión.

Dita comisión reunirase en situación de alerta, pero decidiuse convocala xa, ante o nivel de prealerta por seca decretado o pasado 11 de agosto pola Xunta, para facer un seguimento da situación actual.

Ademais, o Concello recibiu unha chamada de Augas de Galicia na que se amosou a dispoñibilidade para autorizar o arranxo provisional da presa da Ponte Maceira. Trátase dunha actuación provisional que executaría o Concello recolocando as pedras de dita presa para evitar que continúe a fuga de auga nese punto do río Tambre.

Este mércores técnicos de Augas de Galicia e do Concello visitarán a presa para acordar como se executaría dita actuación transitoria, á espera de que Augas de Ames execute uns traballos valorados aproximadamente en 400.000 euros.

A primeira tenente de alcalde, Susana Señorís, foi a encargada de explicar as mediadas adoptadas ata o de agora, como o peche das duchas das instalacións deportivas e das fontes públicas.

Tamén se cortou o rego dos campo de fútbol; das zonas verdes (parques e xardíns), que xa estaba practicamente anulado desde o mes de xullo; e das hortas urbanas.

Susana Señorís explicou que “estamos tendo un problema serio coa falta de auga, co cal todas as medidas que se adoptaron son necesarias para evitar futuros cortes de auga á veciñanza".

"Estamos traballando noutras medidas preventivas para empregar un sistema de bombas que permita abastecer as tubaxes no caso de que quedasen descubertas. Ademais, Augas de Ames está estudando o posible uso de cisternas por se fose necesario levar auga a algún punto do rural”, engadiu.

A Comisión da Seca é un órgano de seguimento e xestión local creado para coordinar medidas preventivas, restricións e o consumo responsable de auga ante episodios de escaseza hídrica.

Na reunión participaron tamén o concelleiro de Urbanismo e Administración Xeral, Víctor Fernández; a xerente de Augas de Ames, Genma Otero; o técnico municipal do ciclo integral da auga, Esteban de la Fuente; a enxeñeira xefa de Augas de Ames, Verónica Castro; e as voceiras do PP, Oliva Agra; do BNG, Escarlata Pampín; e de Espazo Común, Luísa Feijóo.

Genma Otero tamén destacou que se están realizando controis diarios sobre o consumo de auga. “Estase controlando o gasto de auga dos grandes consumidores. Na actualidade estamos enviando informes a Augas de Galicia sobre o consumo de auga en Ames. Levamos mes e medio con medidas preventivas e preto de dous meses cunha campaña de concienciación sobre o uso responsable da auga. Notamos a baixada no consumo de auga, pero non podemos baixar a garda porque a situación é complicada”, sinalou.

Cómpre lembrar que o Concello e Augas de Ames lanzaron no mes de xuño a campaña Cada gota conta para promover o uso responsable da auga.

Colaboración cos concellos de Santiago e Brión

Por outra banda, mantivéronse contactos cos concellos de Brión e Santiago de Compostela para colaborar e tratar de adoptar as mesmas medidas de aforro de auga.

Neste senso, co Concello de Brión xa se acordaron as mesmas medidas preventivas. Ames e Brión comparte a potabilizadora situada na ribeira do río Tambre.

Co Concello de Santiago tratarase de manter proximamente unha reunión entre o concelleiro amesán de Servizos Básicos, Gustavo Nieto, e o seu homólogo da capital galega, Xesús Domínguez, co obxectivo de coñecer o estado da captación de auga no municipio compostelán.

Cómpre destacar que parte da auga consumida en Ames pasa previamente por Santiago de Compostela, polo que resulta necesario coñecer o estado da súa captación para determinar se será necesario establecer novas medidas de restrición.

Plan director para a xestión dos recursos hídricos

Por último, hai que destacar que o persoal Augas de Ames está traballando na redacción dos pregos para a licitación dun plan director a medio/longo prazo para a xestión dos recursos hídricos.

Con esta iniciativa o Concello de Ames pretende aproveitar as pluviais e adoptar outras medidas de aproveitamento dos recursos hídricos existentes.

Tracking Pixel Contents