Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

POLÍTICA MUNICIPAL

Alternativa dos Veciños acusa o PP de manter Fisterra “paralizada” un ano despois da moción de censura

A exrexedora Áurea Domínguez denuncia un "freo drástico" na contratación e acusa ao goberno de "deixadez" en expedientes clave

Aurea Domínguez, exrexedora e voceira de Alternativa dos Veciños de Fisterra.

Aurea Domínguez, exrexedora e voceira de Alternativa dos Veciños de Fisterra. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Fisterra

Alternativa dos Veciños (AV) de Fisterra cualifica de "período de parálise" o primeiro ano de goberno do Partido Popular, liderado por Luís Insua, tras a moción de censura aprobada polo pleno celebrado o 19 de agosto de 2025, que desbancou da Alcaldía a Áurea Domínguez.

Unha moción que aupou a Insua ao primeiro sillón municipal "grazas a unha traizón política", afirma a lideresa de AV, quen asegura que "este novo período de parálise o están a pagar directamente os veciños e veciñas de Fisterra".

O Concello, engade, "está a padecer un freo drástico na contratación pública. Os datos de licitacións e contratos menores son demoledores e reflicten que Fisterra saíu perdendo co cambio de goberno".

A metade de investimento

Na etapa Alternativa dos Veciños de Fisterra, lembra Áurea Domínguez, "en dous anos de goberno licitáronse obras e servizos por importe de 1.739.754,20 €. Só no primeiro ano de mandato, a cifra acadou os 774.029,68 €. Pola contra, durante o primeiro ano de mandato do PP licitáronse contratos por valor de 413.696,72 €. Isto supón case a metade do investido polo anterior executivo no mesmo espazo de tempo".

Subliña ademais que o seu grupo, que acadou o goberno en xuño de 2023 cos apoios de PSOE e BNG, "logrou desbloquear fitos históricos que a veciñanza levaba anos agardando". A este respecto subliña actuación como a instalación de pasos de peóns na recta da Anchoa e redución da velocidade nesa vía a 50 km/h; a mellora da rúa Federico Ávila, a humanización da fachada marítima trala firma dun convenio con Portos de Galicia; a reforma integral do pavillón polideportivo "tras meses pechado polo risco que conlevaba o seu deterioro"; a habilitación do Mercado Cultural, "o primeiro espazo lúdico-cultural para Fisterra; e a reforma integral do Mercado Mariñeiro.

Marquesiñas en Sardiñeiro

Áurea Domínguez lembra asemade que o seu goberno "conseguiu por primeira vez na historia as marquesiñas de autobús para Sardiñeiro e tamén por primeira vez se dotou dunha marquesiña diseñada e construída para o uso exclusivo de taxistas e usuarios do taxi, adaptada ao espazo no que foi instalada".

Agora, subliña a exrexedora, "a incapacidade do goberno do PP para xestionar a labor administrativa municipal obriga aos veciños e veciñas a facer colas sen obter resposta nin solución ás súas peticións diarias". Incumpriron, engade, "e seguen incumprindo o Plan Económico Financieiro aprobado polo pleno en outubro de 2025, xa que non fixeron o control do gasto corrente obrigatorio e remataron o ano gastando 216.000 euros máis do permitido".

Expediente do centro de saúde

E, "como colofón da súa irresponsabilidade política, deixaron caducar o expediente administrativo da parcela que se iba a entregar ao Sergas coa finalidade de construír un novo centro de saúde, asunto xa acordado polo anterior goberno de Alternativa dos Veciños co conselleiro de Sanidade", engade Áurea Domínguez.

A moción de censura, conclúe, "truncou un proxecto de transformación e deixou Fisterra nunha situación de bloqueo, o seu resultado é unha menor capacidade de xestión e unha falta de respostas para moitas das necesidades da veciñanza".

Tracking Pixel Contents