ARTE
A escultura da píllara regresa a Razo cunha nova pel de madeira
O artesán carballés Fabián Lage renovou a escultura para garantir unha maior durabilidade

Fabián Lage renovou a escultura da píllara para garantir unha maior durabilidade. / Cedida
A escultura da píllara das dunas volve estar en Razo (Carballo). Creada polo artesán carballés Fabián Lage, regresou ao seu lugar habitual totalmente renovada e cunha importante novidade: o vimbio que caracterizaba a peza orixinal deixa paso á madeira, un material máis resistente co que se pretende garantir unha maior durabilidade da obra fronte ás condicións ambientais da primeira liña de costa.
A renovación mantén intacta a estrutura e a esencia dunha peza que, desde a súa instalación no ano 2019, se converteu nun dos símbolos máis recoñecibles do programa municipal Eu quero Razo-Baldaio e, por extensión, da aposta pola protección e posta en valor do litoral carballés.

Escultura da píllara creada polo artista carballés Fabián Lage. / Cedida
A primeira píllara naceu precisamente no marco deste programa de sensibilización ambiental. Fabián Lage deseñou e construíu daquela a estrutura de ferro, mentres que a artesá e bióloga Idoia Cuesta dirixiu un obradoiro de cestaría no que veciñas e veciños de diferentes idades participaron na elaboración da cuberta de vimbio.
A escultura tiña desde o primeiro momento unha dobre función. Por unha banda, reproducía a píllara das dunas, unha das aves máis representativas e vulnerables do ecosistema litoral de Razo-Baldaio; pola outra, funcionaba como un gran colector simbólico no que depositar os plásticos recollidos na praia. A mensaxe era clara: coñecer o patrimonio natural é o primeiro paso para valoralo e protexelo.
Parte da paisaxe de Razo
Sete anos despois, a píllara segue transmitindo esa mesma mensaxe, pero estrea unha nova imaxe. Fabián Lage realizou unha renovación integral da escultura, substituíndo a antiga cuberta por unha elaborada composición de pezas de madeira que reproduce a plumaxe da ave e reforza ao mesmo tempo a resistencia do conxunto.
O concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, destaca que «a píllara xa forma parte da paisaxe de Razo e tamén da memoria de todas as persoas que pasan por aquí cada verán. Renovala é tamén renovar o compromiso que representa: o de coidar un espazo natural extraordinario e especialmente fráxil como é Razo-Baldaio».
A intervención dá continuidade, ademais, á relación de Fabián Lage co programa ambiental municipal. O artesán carballés tamén é autor doutras esculturas vinculadas ao litoral, como o arroaz da Pedra do Sal e a nebria das praias do Castrillón, e no ano 2023 encargouse da restauración das tres pezas.
Da píllara xigante á túa propia píllara
O regreso da escultura coincide, ademais, cunha nova actividade que permitirá achegar a súa historia á cidadanía. Este sábado, 22 de agosto, de 11.00 a 13.30 horas, Fabián Lage dirixirá na praia de Razo o obradoiro creativo A túa píllara, no que as persoas participantes poderán elaborar unha reprodución en miniatura da emblemática escultura.
A actividade, aberta a todos os públicos e con prazas limitadas, forma parte do proxecto Talento km0 (TALK0), financiado pola Unión Europea.
- Llegan de Gran Canaria con sus dos hijos de 3 y 4 años para hacer el Camino tras una depresión y acaban siendo 'el aliento' de otros peregrinos
- Muere ahogado en una playa de O Grove Carlos Nieves, histórico concejal del PSOE de Santiago que estuvo 24 años en Raxoi
- Fallece el exalcalde de Negreira José Manuel López Tuñas
- La ruta favorita de Jesús Calleja para desconectar en Galicia: aldeas prerromanas y naturaleza a más de 1.000 metros de altura
- De perseguir autógrafos en Lavacolla a levantar la Copa del Mundo: Borja Iglesias vuelve a casa para ser homenajeado
- Pierde la vida un motorista en Carnota al salirse de vía a la altura de As Paxareiras
- Dos jóvenes acaban en el hospital tras sufrir violentas agresiones en las fiestas de A Mercé de Conxo
- La preocupación de una orquesta gallega por el futuro de las verbenas: «¿De qué sirve el relevo generacional si no hay público?»