Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

ARTE

O Ézaro recrea cen anos despois a foto das seboleiras de Ruth Matilda Anderson

A cita é o sábado, día 22, na praia, e busca poñer en valor o patrimonio e a identidade local

O ano pasado 25 mulleres recrearon a histórica foto de Ruth Matilda no Ézaro.

O ano pasado 25 mulleres recrearon a histórica foto de Ruth Matilda no Ézaro. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Dumbría

A arte revive no Ézaro, en Dumbría, para poñer en valor o patrimonio inmaterial, a historia e a identidade como pobo. A veciñanza darase cita na praia o sábado, día 22, a partir das 11.00 horas para darlle vida ás seboleiras que retratou Ruth Matilda Anderson no ano 1924.

"Será unha homenaxe á forza daquelas mulleres que traballaban arreo na casa, na leira e no mar para sacar adiante as súas familias", afirman dende o Concello dumbriés.

Cartel promocional da xornada Arte no Ézaro 2026.

Cartel promocional da xornada Arte no Ézaro 2026. / Cedida

Á cita está convocada toda a veciñanza do Ézaro para protagonizar unha foto artística, e tamén están convidadas todas as persoas interesadas en retratar o momento. Este ano súmanse á foto os homes, os cales, tradicionalmente, realizaban o labor desde o mar, largando o aparello da arte, que nos seus tempos chegaba ata preto do Pindo, desde as embarcacións.

Quen acuda á cita poderá ademais aprender, da man de lobos e lobas de mar, a realizar nós mariñeiros, "que no mundo do mar son imprescindibles pero lamentablemente as novas xeracións, ao non dedicarnos tanto a este mundo, non herdamos esa destreza", subliñan.

Ademais, o encontro servirá para descubrir de onde vén o topónimo seboleiras e seboleiros, que define a xente do Ézaro, por ser unha terra de cebolas "e por que as de aquí son as máis sabedoras", apuntan os promotores do encontro.

Sardiñada e actuación de Leti da Taberna

Para rematar a xornada da mañá, haberá unha sardiñada para todas as persoas participantes.

Ao caer a tarde, a partir das 21.00 horas no edificio Bitácora, Leti da Taberna presentará o espectáculo Enredadas no Camiño, un proxecto impulsado pola Xunta de Galicia a través do programa O teu Xacobeo.

Despois, de 22.30 a 00.30 horas, e para rematar o día, veciños e visitantes poderán gozar do espectáculo audiovisual da Fervenza do Ézaro.

Tracking Pixel Contents