Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

XianPais, a voz dun Muros que marca o ritmo do urbano galego

O artista vén de publicar o seu novo proxecto APÓSTOLES

O venres 7 actuará no Castelo Rock en Muros

XianPais, rapeiro procedente de Muros

XianPais, rapeiro procedente de Muros / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Iker Cotón

A música urbana en galego non para de medrar. Nos últimos anos consolidouse unha escena cada vez máis diversa e con maior proxección. Neste contexto, Muros emerxe como un dos grandes bastións deste xénero, cunha xeración de artistas que está a situar a súa vila mariñeira no mapa. Un destes artistas de referencia é XianPais (Xián Saborido Pais), procedente da parroquia muradá de Louro, cuxa traxectoria o converteu nunha figura de referencia do rap galego.

O seu proxecto musical comeza como algo espontáneo. Sempre lle gustou escribir, xa dende pequeno, aínda que as súas inquedanzas artísticas comezáronse a desenvolver ao mudarse a vivir á Coruña: "O meu compañeiro de piso facía música e escoitaba moito rap, tanto español como americano. Empecei a escoitar esa música, a buscar as miñas propias influencias e a gravar temas con el, entendendo o rap como un medio de expresión do que quería contar".

Apóstoles e o vento da ría

Vén de lanzar APÓSTOLES, un traballo de cinco temas que define como "un EP de transición, máis liberado como artista e sen estar atado a unha temática concreta". Fala do trasfondo do disco dicindo que: "neste EP os Apóstolos son os meus oíntes, que son moi fieis e se identifican co que fago". Este EP chega un ano despois do seu primeiro álbum O Vento Da Ría, de oito cancións. Aínda así, Xián conta que: "Costoume máis facer os últimos cinco temas que todo o disco anterior porque non existe unha temática tan definida. Agora penso que son máis esixente co son e doulle máis voltas ás cancións". Os dous traballos mencionados levan a firma musical de Yuly en todas as cancións, o produtor habitual de XianPais e doutros artistas como 9Louro e Kid Mount. "Yuly ten moita importancia no meu proxecto e adáptase moi ben a todos os estilos musicais dentro do amplo que é o noso xénero", confesa o muradán, "Pódese adaptar ao meu estilo, ao de Kid Mount, ao de 9Louro, ao de Ortiga ou ao de quen sexa".

O panorama urbano en galego vive un dos seus mellores momentos. A aparición constante de novas propostas, a proliferación de concertos e festivais e o crecemento dun tecido profesional formado por produtores, realizadores audiovisuais e técnicos de son evidencian a madurez dunha escena que non deixa de medrar. Para Xián, todo isto visto dende dentro é "unha locura que ogallá dure moitos anos". Fai fincapé no "bo rollo en xeral que hai dentro da escena", o que propicia moitas colaboracións artísticas entre amigos e amigas dentro do panorama. O rapeiro muradán lembra que: "Se solo hai artistas non se chega a ningún lado, agora hai moitos produtores, diseñadores gráficos e directores de vídeo que son moi necesarios. Nós estamos nos carteis pero detrás hai moita xente traballando".

Muros, quilómetro cero

No actual auxe da música urbana galega, Muros consolidouse como un dos principais viveiros de talento do xénero. Da vila xurdiron artistas como 9Louro e The Rapants, cos que XianPais comparte tamén un vencello familiar: é curmán do primeiro e de Xanma, integrante da banda. O de Muros explica que: "Ao empezar na música éramos catro colegas, entre eles, eu e Martín (9Louro). Que The Rapants empezasen na música influenciounos moi positivamente, de feito, Xanma xa tiña experimentado co trap e co urbano". Define esta situación como unha "simbiose" na vila muradán, onde todos se apoiaban uns aos outros: "Xordeu todo de xeito moi orgánico, nunca pensamos en convertelo nun traballo".

Actualmente, Xián está opositando para profesor de educación física á vez que estuda a carreira de psicoloxía. As súas principais influencias chegan do sur de Madrid: "rapeiros como Dano, Elio Toffana, Ill Pekeño e Ergo Pro", aínda que confesa que últimamente estase a abrir a máis música: "Agora escoito un pouco de indie, pero sobre todo escoito urbano".

Un dos concertos recentes máis importantes para o artista tivo lugar o venres 7 de agosto, no Castelo Rock de Muros, algo que para Xián é "un pouco máis tenso, aínda que máis positivo porque está cheo de colegas e de xente que me coñece". Nun momento de plena efervescencia para a música urbana en galego, Xian Pais continúa abrindo camiño desde Muros, convencido de que a mellor forma de medrar é seguir sendo fiel á súa maneira de entender a música.

TEMAS

Tracking Pixel Contents