PATRIMONIO
Valentín González: “O Museo dos Naufraxios de Camariñas será un referente en Galicia”
O presidente da Deputación visitou tamén Industrias Cerdeimar, unha conserveira con 142 anos de traxectoria

Valentín González, cuarto pola dereita, supervisando as obras do Museo dos Naufraxios. / D. C.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, supervisou o avance das obras de rehabilitación da antiga lonxa do peirao do Curbeiro, que permitirán transformar este emblemático edificio no futuro Museo dos Naufraxios.
González Formoso estivo acompañado pola alcaldesa, Sandra Insua, e a deputada provincial Mónica Rodríguez, xunto con membros da corporación municipal.
A actuación conta cun investimento de 430.000 euros, dos que a Deputación da Coruña achega 330.000 euros, o 76,7 % do total, mentres que o Concello de Camariñas financia a cantidade restante. O proxecto supón a recuperación dun inmoble estreitamente ligado á historia mariñeira da localidade e que levaba décadas sen uso e en progresivo estado de deterioración.

Sandra Insua e Valentín González co director de obra do Museo dos Naufraxios. / D. C.
"Creo que é un auténtico acerto por parte de Camariñas apostar, desde o punto de vista turístico e económico e de respecto á historia dunha vila e dunha comarca, por un Museo dos Naufraxios que vai concentrar o interese de todo o que ten que ver cos naufraxios no Atlántico, tendo en conta que nesta zona hai máis de 600 documentados. Estamos a falar dun motor turístico brutal e confiamos absolutamente nel", destacou o presidente provincial.
O presidente provincial subliñou tamén a estreita colaboración entre a Deputación e o Concello para facer posible unha actuación "que estamos convencidos de que non vai ser un museo máis: vai ser un museo de referencia en Galicia".

Recreación virtual do futuro Museo dos Naufraxios de Camariñas. / Cedida
Nesta primeira fase, os traballos contemplan a reparación e consolidación estrutural do inmoble e a reforma integral da súa envolvente exterior, con actuacións nas cubertas, fachadas e carpinterías. Entre outras intervencións, executarase unha nova cuberta, rehabilitaranse as fachadas mediante un sistema de illamento térmico exterior e renovaranse portas e ventás para mellorar a eficiencia enerxética, a salubridade e as condicións de conservación do edificio.
O proxecto mantén o volume e o carácter industrial e mariñeiro da antiga lonxa e constitúe a primeira fase do futuro Museo dos Naufraxios. Unha vez consolidada a estrutura e protexida a envolvente do inmoble, poderá abordarse posteriormente o acondicionamento interior e a musealización.
A alcaldesa, Sandra Insua, destacou que o inicio das obras "é ilusionante" e cualificounas como "un proxecto vital para o turismo, non só de Camariñas, senón de toda a comarca. É un edificio moi querido por todos os veciños, que estabamos vendo todos os días en moi mal estado, xusto no centro da vila”.
Zona de maior concentración de naufraxios
Insua incidiu na importancia que terá o futuro museo para poñer en valor "a historia dos naufraxios, a cultura mariñeira e a especial relación de Camariñas e da Costa da Morte co océano", ao tempo que agradeceu o apoio económico da Deputación para avanzar na recuperación do inmoble.
"A idea de facer aí o Museo dos Naufraxios foi moi meditada, porque os usos que permitía a lonxa non podían ser outros. A zona entre Cabo Vilán e o Cemiterio dos Ingleses é unha das de maior concentración de naufraxios e danse moitísimos factores para que Camariñas sexa a capital non só do encaixe, senón tamén dos naufraxios de toda Galicia", engadiu.
Visita a Cerdeimar
O presidente provincial tamén visitou as instalacións de Industrias Cerdeimar, unha das empresas históricas do municipio e estreitamente vinculada á tradición pesqueira e conserveira da Costa da Morte.
Fundada en Camariñas en 1884 como unha fábrica de salgadura de sardiña, Cerdeimar conta con 142 anos de historia e está especializada na fabricación de conservas de peixe e marisco e de pratos preparados, cunha importante presenza no sector dos túnidos. A compañía comercializa os seus produtos tanto no mercado nacional como internacional e mantén en Camariñas unha parte esencial da súa actividade industrial.

Valentín González, á dereita, nas instalacións de Industrias Cerdeimar. / D. C.
Durante o percorrido polas instalacións, acompañado de Juanma Montes, director de procesos da empresa propietaria, e Domingo Fernández, director da planta de Camariñas, Formoso e Insua interesáronse polos distintos procesos produtivos e polo funcionamento da planta, especializada en conservas de atún, que fabrica tanto para a marca de distribución do grupo Family Cash, propietario da planta, como para as marcas Boya e Fish and Company.
O presidente da Deputación destacou "a importancia de contar na provincia con empresas que combinan unha longa tradición industrial coa capacidade de adaptarse, innovar e competir en mercados cada vez máis esixentes".
"Como presidente dunha provincia conserveira, que é a maior de Europa en produción de conserva de peixe e marisco, para min é un auténtico orgullo ver persoas que levaban 40 anos traballando nesta instalación e que agora van poder xubilarse aquí. Isto demostra que este país funciona, que esta provincia funciona”, afirmou Formoso.

O presidente provincial, esquerda, e a alcaldesa, segunda, en Cerdeimar. / D. C.
O presidente provincial destacou tamén a importancia de manter e fortalecer a actividade industrial na Costa da Morte, e salientou "a forma en que se están facendo as cousas, respectando o pasado da marca e os procesos, incorporando a innovación como elemento de garantía de futuro e conformando un grupo comercialmente moi potente que está en expansión, así como a consideración coa vila, co emprego local e cos produtores locais”.
Formoso interesouse tamén polos plans e perspectivas da compañía, que nos últimos anos ampliou a súa capacidade produtiva e a variedade de formatos coa incorporación dunha planta en Alfaro, na Rioxa, mantendo Camariñas como sede e como un dos centros fundamentais da súa actividade.
A alcaldesa, Sandra Insua, destacou pola súa banda o peso de Cerdeimar na economía local e o valor que supón para Camariñas contar cunha empresa cunha traxectoria de máis dun século ligada á vila e á súa tradición mariñeira.
Máis de cincuenta traballadores
"É un orgullo poder visitar a fábrica xa en pleno apoxeo. É un referente en Camariñas, moitísimas familias dependen da fábrica. É unha tranquilidade e un orgullo poder visitar co presidente da Deputación, unha factoría que está en pleno funcionamento, na que xa hai case 55 persoas traballando e que é vital para a nosa vila", sinalou.
O representante da empresa, Juanma Montes, agradeceu pola súa banda "a atención e a axuda que nos están prestando. Sentímonos moi orgullosos de poder estar colaborando nun proceso como este e no avance desta empresa, unha das conserveiras máis antigas de España".
- Netflix ya muestra a Martiño Rivas y José Coronado en su nueva miniserie basada en una novela criminal de Arturo Pérez-Reverte
- Una intervención antidroga en Galicia destapa el negocio de la 'Banca de Dubai': más de una veintena de detenidos y 20 millones de euros localizados en activos
- Roberto Louzán, el ganadero que cría la raza de vaca más escasa de Galicia: 'Prefiero la carne de Frieiresa a la de Rubia Gallega
- Una de las mayores orquestas de Galicia busca bailarines para la próxima temporada de verbenas: estos son los requisitos
- Pierde la vida un trabajador en Negreira tras sufrir una caída en una obra
- La Xunta exige al Estado garantías 'por escrito' para que Galicia no pague 'una factura millonaria' por la AP-9
- Así es la pizzería de Santiago que se cuela entre las 100 mejores del mundo
- Los refugios de Jesús Cintora en Galicia: playas protegidas, miradores y atardeceres en las Rías Baixas