POLÉMICA
Oposición veciñal en Mazaricos e Santa Comba á planta de biometano das Maroñas
A instalación xa conta con informe ambiental favorable e prevé tratar 36.450 toneladas anuais de xurros e residuos agroindustriais

Plano da ubicación prevista da planta de biometano das Maroñas, en Mazaricos. / Cedida
A plataforma Stop Biometano Xallas-Barcala, integrada por veciñas e veciños de Mazaricos e de Santa Comba, vén de impulsar diversas iniciativas para intentar paralizar o proxecto de construción dunha planta de biometano na parroquia das Maroñas, que xa conta con informe de impacto ambiental favorable.
Logo de manter reunións cos responsables da empresa e co alcalde, a veciñanza está preocupada polas repercusións ambientais e para a súa saúde que poida ter a devandita instalación. "Non nos aclararon nada, nin tan sequera como vai ser a planta", afirma Lorena García, portavoz do grupo veciñal.
Sinala ademais que "non recibimos ningún tipo de información ata que se publicou no Diario Oficial de Galicia, o pasado 24 de xullo, a resolución favorable do informe de impacto ambiental. "A miña familia ten unha leira que linda coa parcela na que se pretende construír a planta e ninguén se puxo en contacto con nós", engade Lorena.
Modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal
Desde o colectivo piden apoio á veciñanza para "presionar ao Concello de Mazaricos para iniciar unha modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) co obxectivo de regular ou limitar a instalación de industrias de xestión de residuos en solo rústico, unha estratexia que xa foi proposta por plataformas en concellos como o da Laracha".
Solicitan unha moratoria ou suspensión temporal da concesión de licenzas municipais de obra e actividade para este tipo de complexos "mentres se estuda o seu impacto socioeconómico local".
Máis de 36.000 toneladas anuais
A planta de biometano está promovida pola empresa Biometano Galicia, S.L., que pretende habilitar unha planta de codixestión anaerobia de residuos agroindustriais na parroquia das Maroñas.
A citada instalación prevé tratar un volume de 36.450 toneladas anuais de xurros e residuos, "o que xerará un impacto crítico e directo sobre o medio rural, o tecido socioeconómico local, as redes de estradas municipais e a calidade de vida dos veciños debido a potenciais cheiros, ruídos e tráfico pesado continuo", afirman.
Lembran ademais que a aprobación ambiental autonómica "non exime ao promotor da obriga de obter as preceptivas licenzas municipais de obras e de actividade, sendo o Concello o garante último do cumprimento da normativa urbanística local".
Modelo de desenvolvemento sostible
Consideran tamén que, "ante a alarma social xerada e a necesidade de protexer o modelo de desenvolvemento sostible de Mazaricos, existen fundamentos técnicos e xurídicos suficientes para que a corporación local revise a compatibilidade deste proxecto co Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) vixente".
Por iso solicitan ao Concello que os servizos técnicos xurídicos municipais emitan un "informe exhaustivo de compatibilidade urbanística que fiscalice de forma estrita o cumprimento de distancias mínimas a vivendas (aplicando de xeito supletorio o criterio dos 2.000 metros para actividades insalubres), captacións de auga e núcleos de poboación nas Maroñas".
Propoñen tamén que o pleno municipal "inicie de urxencia" os trámites para a modificación das normas urbanísticas co obxectivo de regular a implantación de plantas de biogás e xestión de residuos en solo rústico, decretando de forma inmediata a suspensión cautelar do outorgamento de licenzas de obra e actividade para este tipo de instalacións industrializadas en todo o termo municipal".
Asemade, dende a plataforma piden que se avalíe, "mediante informe da Policía Local ou técnicos de obras, a incapacidade das vías de titularidade municipal na zona das Maroñas para soportar o tránsito diario de vehículos pesados de gran tonelaxe asociados á planta".
Creación dunha asociación
Lorena García asegura que os núcleos directamente afectados son os de Maroñas, en Mazaricos, e os de Barbeira e A Pereira, en Santa Comba, aínda que indirectamente podería afectar "ao resto, pois a planta situarase preto do rego da Calzada, que verte as augas no río Maroñas e este no Xallas".
O seguinte paso será a creación dunha asociación de veciños para liderar as reivindicacións, "e solicitaremos tamén unha xuntanza co alcalde de Santa Comba, pois parte dos seus veciños tamén son afectados", subliña a voceira da plataforma. O que teñen claro, engade, é que "imos pelexar ata o final".
Apoio de Espazo Común
O portavoz municipal de Espazo Común, Javier González, sinalou que "nós imos estar ao lado da veciñanza", e acusa ao goberno local (BNG) de "non informar aos veciños, e iso non pode ser".
Asegura que Espazo Común apoiará sempre aos gandeiros locais e as instalacións de biogás vinculadas ao autoconsumo das explotacións de Mazaricos, pero teme que o plan inicial "sexa só un primeiro paso para despois ampliar as instalacións para acabar creando unha macroplanta, xa que dubidamos que coa capacidade inicial prevista sexa viable".
Por iso, o seu grupo solicitará no pleno a paralización do expediente e que se esixa unha avaliación ambiental ordinaria en lugar do procedemento simplificado. González pide ademais que se empreguen as ferramentas urbanísticas municipais dispoñibles.
- Los refugios de Jesús Cintora en Galicia: playas protegidas, miradores y atardeceres en las Rías Baixas
- Netflix ya muestra a Martiño Rivas y José Coronado en su nueva miniserie basada en una novela criminal de Arturo Pérez-Reverte
- Una intervención antidroga en Galicia destapa el negocio de la 'Banca de Dubai': más de una veintena de detenidos y 20 millones de euros localizados en activos
- Muere a los 85 años de edad Hipólito Rodríguez Visos, fundador de la emblemática empresa Mármoles del Río
- Suspendido el mayor festival de música urbana de Santiago
- Roberto Louzán, el ganadero que cría la raza de vaca más escasa de Galicia: 'Prefiero la carne de Frieiresa a la de Rubia Gallega
- Una de las mayores orquestas de Galicia busca bailarines para la próxima temporada de verbenas: estos son los requisitos
- Cambio de tiempo en Galicia: un frente activo dejará lluvias generalizadas y un descenso de las temperaturas