Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

MÚSICA

Familia Caamagno: "Seguimos sendo os obreiros do rock and roll"

O grupo de Sigüeiro lanzou este ano Disco Comarcal no seu 15 aniversario

Familia Caamagno celebra o seu quince aniversario.

Familia Caamagno celebra o seu quince aniversario. / David Silva

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Iker Cotón

Oroso

No ano 2011, cinco amigos de Sigüeiro xúntanse sen pretensións para facer música. É algo natural para eles, un momento de desconexión entre micrófonos e amplis. Quen lles ía dicir que quince anos despois estarían xirando para presentar o seu quinto disco baixo o nome de Familia Caamagno. Comezaron "como comezan todos os grupos, tocando versións de bandas que nos molaban moito", conta Manuele Caamagno, vocalista e saxo da Familia. Nesas versións destacaban Os Ramones, estandarte musical da formación quince anos despois da súa creación.

Aquelas cancións dos Ramones foron, pouco a pouco, sendo arrebatadas das súas letras orixinais, en favor de líricas 'Made in Oroso': "Comezamos a facer letras en galego para as cancións que tocábamos e démonos conta de que sin facer as nosas propias cancións a cousa non iba a ningún lado".

Esa decisión foi o pistoletazo de saída para cancións como O Ritmo da Taberna ou Surfistas Nazis, que a día de hoxe seguen a ser algúns dos temas máis escoitados da banda. Frecuentaban os bares de rock de Ordes. Todo nace "coa ilusión de tocar na Sala Badulake, aínda que cando tocas dúas ou tres veces na mesma sala, a ilusión xa é saír da comarca", ri Manuele. Despois da comarca vén Galicia e, despois, fóra da terra, cunha música "super exportable". Alaba Manuele ao público alén das fronteiras galegas que sempre os recibiu cos brazos abertos.

Son froito do seu contexto. Galicia viviu unha explosión artística a través dos amplificadores dos 2010S. Grupos como Terbutalina, Novedades Carminha, Bala ou Copa Turbo configuraron unha nova escena musical á vez que eclosionaban as redes sociais. "Hai quince anos había un xeito máis artesán de facer as cousas", lembra Manuele. "Hai unha grande diferencia entre lanzar un disco en Spotify a facer unha verdadeira campaña de lanzamento, son ferramentas que non coñecíamos. Hai dez anos era todo máis complicado".

Os predecesores

Lembra aos que viñeron antes. "Antes de nós xa había moitos outros grupos que facían música en galego, como The Homens, nós recollemos todo o sementado". Dos Homens destaca "as súas letrazas", mentres reflexiona sobre "oficinas de desenvolvemento de artistas e empresas de comunicación". Antes semellaba todo máis sinxelo. Malia haber unha escena menos profesionalizada e "máis punk", o vocalista dos Caamagno eloxia a hibridación de estilos actual da nosa música, aínda que recalca a figuras como "Mercedes Peón ou Malandrómeda, que xa facían mesturas do tradicional con outros xéneros, aínda que eran rara avis e agora estendeuse dun xeito brutal".

O son foi evolucionando co paso dos anos e, especialmente, co paso dos técnicos. O primeiro disco grávase con Jorge Explosión nos Estudos Cirto Perrotti, en Xixón, "cun son máis analóxico e máis cercano ao garaxe a nivel estilístico". Máis adiante mudaron de casa, a El Castillo Alemán de Carlos Hernández, produtor de agrupacións como Carolina Durante, Los Planetas ou Triángulo de Amor Bizarro, "máis guitarreiro e con sons máis afiados". A última parada da nave do rock foi a cidade de Granada, nos Estudios La Mina, escudados por Raúl Pérez, "máis próximo ao pop e cun xeito moi diferente de facer as cousas". O certo é que a nosa música xa traspasa as fronteiras da terra. "Agora un programador de festivais de Madrid conta contigo". Atribúe o aumento do interese polo repertorio galego ao "atractivo mundial pola singularidade de cada nacionalidade".

The Caamagnans

Con respecto á autopercepción do seu proxecto musical, para Manuele con cada disco foron "subindo de década". Comezaron co punk marca Ramones dos anos setenta ata chegar "ao rock dos anos dous mil, nos que nos atopamos agora". Cancións como Disco comarcal (que dá nome ao álbum) ou De paseo en Portugal son proba disto, mudando o punk dos 'british' por tons que lembran máis a The Strokes. "Nunca teríamos feito estes temas hai dez anos".

Con respecto ao futuro "a idea é seguir sacando cousas, aínda que temos a cabeza posta na xira do disco, que aínda o sacamos en febreiro". En relación á música que escoitan, ademais dos mencionados atópase The Sonics "e demais grupos de garaxe", aínda que cada un dos membros ten os seus gustos sonoros propios. Por exemplo, "Lano Caamagno tira máis cara o pop, a min (Manuele) gústame máis o punk contemporáneo de Idles, outros son máis vintage, e outros moi de Siniestro Total", comenta entre risas.

Este universo sonoro forma a árbore xenealóxica de Familia Caamagno, unha liñaxe conformada polos mesmos membros de hai 15 anos, que siguen véndose fóra dos palcos e do local de ensaio "para xuntarnos e botar un conto". A amizade é un rasgo distintivo desta banda, unha agrupación que os seus membros definen como "obreiros do rock and roll". O de obreiros ten dobre sentido: "Temos un directo moi profesional. Ademais, cada un ten o seu traballo". Este tándem formado por música e oficio obriga a sacrificios, a perder horas de sono, días libres e vacacións "para poder manter o grupo no nivel que lle corresponde".

A pesar destes sacrificios, a música axuda a ver o lado máis bonito da vida. Como cantan en O mundo está derrotado: "Non sei que vai pasar aquí se sube o mar. Por min mellor así, praia na capital".

Tracking Pixel Contents