Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Valga premia aos veciños que embelecen os espazos públicos

No certame inscribíronse unha trintena de lugares repartidos por todo o municipio

Exterior do edificio que alberga o Belén Artesanal de Valga.

Exterior do edificio que alberga o Belén Artesanal de Valga. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Iker Cotón

A veciñanza de Valga vólcase cun certame que premia os parques, prazas e outros espazos públicos mellor engalanados polos veciños. Trátase do concurso "Embelecer Valga", unha iniciativa convocada polo Concello co obxectivo de implicar á cidadanía no coidado dos lugares públicos con materiais achegados polo Goberno municipal.

O certame divídese en dúas categorías. A primeira modalidade, de obra nova, comprende as creacións de novos espazos ou a rehabilitación dalgún ben ou zona que estivese abandonada e precisase dunha actuación maior para a súa conservación.

A outra categoría baséase no mantemento de lugares que xa dispoñían de construccións feitas (parques, centros sociais ou culturais, xardíns acondicionados ou estruturas rehabilitadas) para garantir a súa conservación a través de obras menores e traballos de xardinaría, limpeza ou ornamentación.

Xurado e premios

Na modalidade de obra nova o xurado estivo composto por membros das diferentes comisións participantes. Os premios desta modalidade serán de 300, 200 e 100 euros para o primeiro, segundo e terceiro posto respectivamente.

Por outra parte, na categoría de mantemento o xurado estivo formado por representantes do Concello. O proxecto mellor valorado desta categoría será gratificado cun premio de 500 euros, o segundo levará 300 euros e o terceiro, 200 euros.

Ornamentación na aldea de Campaña.

Ornamentación na aldea de Campaña. / Cedida

En ambas categorías, os aspectos valorados foron a adecuación final á memoria presentada, a orixinalidade e a creatividade nos deseños e elementos decorativos, o aproveitamento dos recursos e materiais da zona, a conservación e o deseño de espazos verdes como xardíns e áreas recreativas, a recuperación de elementos existentes no lugar e o fomento da cultura e da tradición locais

Os gañadores daranse a coñecer o día 29 de agosto durante a celebración da XXXVI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.

As actuacións

No apartado de obra nova, os traballos incluíron o arranxo do parque de Martores, o acondicionamento do talude da marxe dereita da estrada PO-190 en Ferreirós, o remate do local social de Campaña e o axardinamento do Quinteiro de Carballiño, onde tamén se creou unha nova zona deportiva.

Pola súa banda, dentro da modalidade de mantemento, realizáronse actuacións en numerosos espazos e equipamentos públicos. Entre elas figuran os traballos de conservación e mellora de fontes, parques, lavadoiros e zonas verdes en lugares como A Medela, a Avenida da Coruña, Balleas, Barcia, Barro, Beiro, Canle, Cerneira, Eiras, Ferreirós, Laxes, Raxoi, San Miguel ou Vilar.

Tamén se acometeron actuacións específicas noutros equipamentos e espazos municipais, como a zona exterior do local do Belén Artesanal, o campo da festa de Campaña, a contorna do CODI, as diferentes escolas rurais do CRA de Valga, a Escola Infantil ou a contorna da igrexa de Eirexe, en Campaña.

As intervencións completáronse con traballos de acondicionamento e embelecemento na Praza do Souto, conservación do pozo da Lameira e actuacións na casa veciñal, parque, marquesiña e lavadoiros de Vilarello, entre outras.

TEMAS

Tracking Pixel Contents