Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

POLÍTICA

Vivenda para quedar: o PSdeG pide converter as axudas nunha oportunidade para Bergantiños

Os socialistas reclaman aos concellos que difundan e acompañen a mocidade no acceso a subvencións

José Manuel Pérez Abelenda,  coordinador comarcal do PSdeG de Bergantiños.

José Manuel Pérez Abelenda, coordinador comarcal do PSdeG de Bergantiños. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Coristanco

O PSdeG-PSOE da comarca de Bergantiños insta os gobernos municipais da bisbarra a aproveitar a nova liña de axudas para a adquisición de vivenda impulsada ao abeiro do Plan Estatal de Vivenda 2026-2030 e converter estes fondos nunha oportunidade para atraer e fixar xente nova no territorio.

A convocatoria da Xunta, publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 19 de agosto, abre o prazo de solicitude o xoves 27 de agosto, ás 9.00 horas. A liña conta cun orzamento de 2 millóns de euros e concede axudas de ata o 20% do prezo de adquisición, cun máximo de 15.000 euros por vivenda, para a compra de vivendas novas ou usadas en concellos de ata 10.000 habitantes. O prazo permanecerá aberto ata o 16 de novembro ás 14.00 horas.

Asentamento no rural

O coordinador comarcal do PSdeG de Bergantiños, José Manuel Pérez Abelenda, considera que esta medida pode ser especialmente importante para os concellos da comarca que cumpran o límite de poboación, "xa que permite facilitar o acceso á propiedade a persoas mozas e, ao mesmo tempo, favorecer o seu asentamento e empadroamento no rural".

As persoas beneficiarias deberán ter menos de 36 anos na data da solicitude, e a vivenda deberá converterse na súa residencia habitual e permanente durante, cando menos, cinco anos.

O PSdeG comarcal reclama aos gobernos municipais "que non se limiten a esperar a que a mocidade descubra por si mesma estas axudas, senón que fagan un labor activo de difusión, asesoramento e acompañamento. Temos unha oportunidade para facilitar que mozos e mozas poidan mercar unha vivenda, empadroarse nos nosos concellos e construír aquí o seu proxecto de vida", sinala Pérez Abelenda.

"A Xunta debe poñer como mínimo outros dous millóns"

O PSOE de Bergantiños reclama tamén á Xunta que incremente a súa achega e poña, como mínimo, outros dous millóns de euros, á altura dos fondos que sustentan esta convocatoria estatal.

Por outra banda, Patricia Iglesias, deputada socialista no Parlamento de Galicia, afirma que fará "seguimento á Xunta no Parlamento sobre o grao de execución, promoción e publicidade destas axudas para acceder á vivenda, o primeiro problema e preocupación da xente moza e das familias".

"Se queremos que Bergantiños gañe habitantes e, especialmente, gañe xente nova, precisamos políticas que faciliten o acceso á vivenda e que dean motivos para quedar ou vir vivir aquí. Estes dous millóns de euros son unha oportunidade, pero precisamos máis ambición por parte da Xunta e tamén unha implicación activa dos concellos", sinala Iglesias Rey.

Tracking Pixel Contents