AXUDAS
500 euros por día festivo: Carballo reforza o apoio ás festas populares
A convocatoria conta cun orzamento de 27.500 € e subvencionará as celebracións que inclúan verbena ou música en directo

Festas do San Xoán de Carballo. / Cedida
A Xunta de Goberno Local do Concello de Carballo aprobou as bases da convocatoria de subvencións para a celebración de festas populares durante o ano 2026, dotada cun orzamento de 27.500 euros.
Na mesma sesión tamén se acordou a concesión dunha subvención nominativa de 2.000 euros a Lenda Educativa SCG para o desenvolvemento do programa Actividades deportivas inclusivas 2026.
A convocatoria de festas populares ten como finalidade colaborar coas comisións e agrupacións veciñais na organización de festas populares, tradicionais ou patronais de arraigo cultural, así como festas gastronómicas xa consolidadas, "contribuíndo deste xeito á conservación dunha tradición que forma parte da identidade cultural de Carballo e que ten tamén unha importante función de cohesión social e dinamización das parroquias e barrios", subliñan dende o goberno local.
Citas abertas a toda a cidadanía
Poderán acollerse ás axudas as celebracións realizadas entre o 1 de novembro de 2025 e o 31 de outubro de 2026, sempre que cumpran os requisitos establecidos nas bases.
As actividades deberán estar abertas a toda a cidadanía, desenvolverse en espazos accesibles e de uso público ou veciñal e ter entrada libre e gratuíta. Quedan fóra da convocatoria as denominadas festas da xuventude ou similares, as celebracións particulares ou privadas e as organizadas con ánimo de lucro.
O importe da subvención será de 500 euros por cada día festivo no que se celebre unha verbena ou concerto cunha orquestra, grupo musical en directo ou solista de consolidado renome e relevancia. Para estes efectos non se computarán as actuacións de solistas, dúos ou tríos de animación musical nin as de DJ.
Prazo de solicitude ata o 3 de novembro
O orzamento presentado pola organización deberá superar o dobre da subvención solicitada e a achega municipal non poderá exceder, en ningún caso, o 50 % do custo total da actividade. A partida inicial da convocatoria ascende a 27.500 euros, aínda que poderá incrementarse nas condicións previstas na normativa de subvencións.
O prazo para presentar as solicitudes abrirase ao día seguinte da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e rematará o 3 de novembro de 2026.
As axudas poden destinarse aos gastos directamente relacionados coa organización das festas, entre eles a contratación de actividades musicais ou culturais, o alugueiro de infraestruturas, seguros, dereitos de autor, publicidade e pirotecnia.
Estas axudas súmanse ao apoio municipal que se presta tamén mediante servizos de limpeza e recollida de residuos, acondicionamento dos espazos de celebración ou préstamo de equipamentos e infraestruturas municipais.
Apoio ao deporte inclusivo
Na mesma sesión, a Xunta de Goberno Local aprobou unha subvención nominativa de 2.000 euros para Lenda Educativa SCG e o correspondente convenio de colaboración para financiar o programa Actividades deportivas inclusivas 2026.
Lenda Educativa é unha entidade sen ánimo de lucro que desenvolve en Carballo actividade deportiva inclusiva no ámbito da diversidade funcional. O proxecto subvencionado está formado por actividades físico-deportivas inclusivas, fundamentalmente no medio acuático, dirixidas a nenos e nenas e adaptadas para favorecer a participación e a convivencia, con propostas ao longo de todo o ano entre as que destacan as actividades en piscina e a práctica do surf.
Favorecer a igualdade
O programa conta cun orzamento global de 6.499,67 euros, dos que o Concello achegará un máximo de 2.000 euros, equivalente ao 30,77 %.
Con esta colaboración, "o Concello continúa apoiando o traballo das entidades locais para avanzar cara a unha práctica deportiva accesible a todas as persoas e favorecer a igualdade de oportunidades a través do deporte", conclúen.
- Netflix ya muestra a Martiño Rivas y José Coronado en su nueva miniserie basada en una novela criminal de Arturo Pérez-Reverte
- Una intervención antidroga en Galicia destapa el negocio de la 'Banca de Dubai': más de una veintena de detenidos y 20 millones de euros localizados en activos
- Roberto Louzán, el ganadero que cría la raza de vaca más escasa de Galicia: 'Prefiero la carne de Frieiresa a la de Rubia Gallega
- Una de las mayores orquestas de Galicia busca bailarines para la próxima temporada de verbenas: estos son los requisitos
- Pierde la vida un trabajador en Negreira tras sufrir una caída en una obra
- La Xunta exige al Estado garantías 'por escrito' para que Galicia no pague 'una factura millonaria' por la AP-9
- Así es la pizzería de Santiago que se cuela entre las 100 mejores del mundo
- Los refugios de Jesús Cintora en Galicia: playas protegidas, miradores y atardeceres en las Rías Baixas