Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

AUDIOVISUAL

Do comercio á pantalla: a mocidade contará a historia de Baio en formato documental

O obradoiro dos Premios Fouciño creará unha curtametraxe sobre a memoria local a través dos establecementos comerciais

Un dos obradoiros impartidos pola organización dos Premios Fouciño.

Un dos obradoiros impartidos pola organización dos Premios Fouciño. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Zas

Os Premios Fouciño de Baio, en Zas, presentan un novo obradoiro de cine dirixido á mocidade, que terá como obxectivo a creación dunha curtametraxe documental sobre a historia de Baio a través dos seus comercios locais, entendidos como auténticos espazos de memoria.

A proposta parte dalgúns dos establecementos máis lonxevos da vila, así como doutros de creación máis recente, para coñecer as súas historias e descubrir como a evolución do comercio local tamén reflicte os cambios sociais e culturais vividos en Baio ao longo do tempo.

Vivencias persoais, recordos e memoria local

Deste xeito, cada comercio converterase no fío condutor para achegarse á historia colectiva da vila. As vivencias persoais, os recordos e a memoria local entrelazaranse para construír un retrato documental que permita comprender mellor a identidade de Baio e as transformacións experimentadas pola súa comunidade.

O obradoiro desenvolverase en dúas sesións, o martes 1 e o mércores 2 de setembro, no centro sociocultural de Baio, de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 19.30 horas.

Durante a primeira sesión realizarase a gravación das entrevistas, mentres que a segunda estará centrada na creación do guión e na edición do vídeo, permitindo que as persoas participantes se impliquen nas diferentes fases do proceso de creación da curtametraxe.

A actividade está destinada a rapaces e rapazas de 11 a 16 anos e conta cun aforo máximo de 15 persoas.

Formulario de inscrición

As persoas interesadas poden inscribirse a través do formulario habilitado para a actividade na seguinte ligazón: https://forms.gle/fimxJCt4jtHijdaD7.

O obradoiro será impartido por Uxía e Illa, da Cooperativa A Furna, de Laxe, entidade especializada en proxectos culturais e audiovisuais vinculados ao territorio. Está organizado en colaboración co Concello de Zas e a asociación de comerciantes BaiOn. A sexta edición do festival tamén conta co apoio da Deputación da Coruña.

Con esta iniciativa, "os VI Premios Fouciño apostan polo audiovisual como ferramenta para coñecer, preservar e poñer en valor a memoria local, ofrecendo á mocidade a oportunidade de contar, desde a súa propia mirada, a historia da vila na que viven", subliñan desde a organización.

Tracking Pixel Contents