Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

INCLUSIÓN

Limpeza de praias e portas abertas en Diversiplás: a aposta ambiental de Íntegro

A iniciativa busca implicar a cidadanía no coidado do litoral con actividades gratuítas de limpeza e obradoiros de reciclaxe

Transformación de plástico reciclado no obradoiro Diversiplás, de Íntegro.

Transformación de plástico reciclado no obradoiro Diversiplás, de Íntegro. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Cee

A asociación Íntegro, a través do proxecto Diversiplás, desenvolverá en setembro unha nova campaña de sensibilización ambiental na Costa da Morte, incluída entre as accións previstas para a anualidade 2026.

A iniciativa combinará tres accións de limpeza de praias cunha xornada de portas abertas no obradoiro Diversiplás, co obxectivo de achegar á cidadanía o problema dos residuos plásticos e mostrar as posibilidades que ofrece a súa recuperación e transformación. Todas as accións son de balde e para inscribirse abonda con chamar aos teléfonos 981 734 985 ou 650 961 649.

Cartel promocional das xornadas de limpeza de praias en Costa da Morte.

Cartel promocional das xornadas de limpeza de praias na Costa da Morte. / Cedida

As actuacións de limpeza comezarán o 2 de setembro na praia de Traba, en Laxe; continuarán o día 9 na praia do Ariño, en Camariñas; e rematarán o día 14 na praia de Balarés, en Ponteceso.

As persoas participantes colaborarán na retirada de residuos dos areais, nunha acción que pretende ir máis alá da propia limpeza. O obxectivo é sensibilizar sobre o impacto que os residuos, especialmente os plásticos, teñen nos ecosistemas mariños e lembrar que aquilo que hoxe queda abandonado na contorna pode acabar mañá no mar.

Do residuo ao recurso

A campaña terá continuidade o 4 de setembro, coa celebración dunha xornada de portas abertas no obradoiro Diversiplás. A iniciativa permitirá coñecer o traballo que se desenvolve neste espazo e descubrir que acontece cos residuos plásticos unha vez recuperados.

Ademais, as persoas que se acheguen poderán coñecer de primeira man as renovadas instalacións que a entidade ten en Nantón e iniciarse na reciclaxe coas novas adquisicións de moldes, cos que poderán elaborar xaboeiras, “bolillos”, peites para táboas de surf e moito máis.

Selección de plásticos no obradoiro Diversiplás, da asociación Íntegro.

Selección de plásticos no obradoiro Diversiplás, da asociación Íntegro. / Cedida

A través deste proceso, Diversiplás traballa na transformación e valorización de residuos plásticos, promovendo a economía circular e demostrando que determinados materiais que xa non teñen uso poden converterse en novos recursos e produtos.

Con estas actuacións, Íntegro busca implicar á cidadanía no coidado da contorna e poñer en valor o compromiso colectivo coa protección do litoral. Unha chamada á acción que se resume nunha idea: para coidar o mar, tamén hai que poñerse mans á obra.

As actividades forman parte das accións da anualidade 2026 do proxecto Diversiplás, promovido pola asociación Íntegro e cofinanciado pola Unión Europea, a Xunta de Galicia e o GALP Costa da Morte.

Tracking Pixel Contents