Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

MUXÍA

O profesor e historiador da arte Antón Castro será o pregoeiro da Romaría da Barca

O Concello recoñece a traxectoria dun dos grandes nomes da cultura muxiá, fondamente ligado ao santuario

Antón Castro será o pregoeiro da Romaría da Barca 2026.

Antón Castro será o pregoeiro da Romaría da Barca 2026. / Deputación Pontevedra

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Muxía

O Concello de Muxía vén de nomear a Xosé Antón Castro Fernández como pregoeiro da Romaría da Barca 2026. Unha decisión coa que o goberno municipal quere "recoñecer a traxectoria dunha das figuras máis destacadas da cultura galega e, ao mesmo tempo, a súa fonda vinculación coa súa vila natal".

Nado en Muxía, Antón Castro desenvolveu unha longa carreira como historiador da arte, profesor, crítico e comisario de exposicións, con importantes responsabilidades en institucións culturais e académicas. "Ao longo da súa traxectoria levou o nome de Muxía a numerosos ámbitos da cultura, sen perder nunca a conexión coa súa terra", subliñan dende o goberno local.

A súa relación coa Barca é, ademais, especialmente significativa. En 1980 realizou a súa tese de licenciatura, El santuario de la Virgen de la Barca: tradición, arte y leyenda, dedicada precisamente ao santuario muxián. Posteriormente continuou investigando e divulgando a relación de Muxía coa tradición xacobea, o santuario e as pedras da Barca, entre outros elementos do patrimonio e da identidade da vila.

Javier Sar: "É un dos muxiáns dos que podemos sentirnos orgullosos"

O alcalde, Javier Sar, destaca que Antón Castro "é un deses muxiáns dos que podemos sentirnos profundamente orgullosos. Desenvolveu unha carreira extraordinaria e levou o nome de Muxía por universidades, institucións culturais e diferentes lugares do mundo, pero sempre mantivo unha relación moi especial coa súa vila. Que sexa el quen este ano pronuncie o pregón da Barca é unha honra para todo Muxía".

Salientou tamén a súa especial vinculación co santuario. "Non é simplemente un muxián que vive fóra. É unha persoa que estudou a Barca, que investigou a súa historia e que contribuíu a explicar o seu valor cultural e patrimonial. Creo que non podía haber unha elección máis axeitada para unha festa que representa tanto a identidade de Muxía", engadiu.

Sandra Vilela: "É un muxián que sente a terra"

Pola súa banda, a tenente de alcalde e concelleira de Cultura e Festas, Sandra Vilela, explicou que a elección responde á vontade de contar cun pregoeiro cunha vinculación real coa vila. "Desde o primeiro momento tivemos claro que queriamos que o pregoeiro da Barca 2026 fose alguén que representase Muxía. Non buscabamos simplemente unha persoa coñecida, senón un muxián que sentise esta terra e que tivese algo propio que contar sobre ela. E no caso de Antón Castro esa conexión é extraordinaria", afirmou.

Destacou especialmente a súa relación coa Barca e coa cultura muxiá. “É moi especial que a persoa que hai décadas dedicou a súa tese ao Santuario da Virxe da Barca sexa agora quen regrese para abrir as nosas festas. Antón Castro leva toda unha vida estudando e divulgando a nosa cultura, a nosa historia e o noso patrimonio. Marchou e construíu unha carreira enorme, pero nunca deixou de levar Muxía con el. Este pregón é tamén unha maneira de recoñecer todo o que fixo pola súa vila.”

A concelleira sinalou ademais que a elección encaixa coa intención do Concello de reforzar a dimensión cultural da romaría. “A Barca é tradición, fe, patrimonio, cultura e memoria. E queremos que o pregón sexa tamén un momento para lembrar todo iso. Estamos convencidos de que Antón Castro vai ofrecernos un pregón moi especial, precisamente porque vai falar da Barca desde o coñecemento, pero tamén desde o sentimento de ser muxián.”

O pregón, o venres 11 de setembro no Cabo da Vila

O pregón terá lugar o venres 11 de setembro ás 20.00 horas no Cabo da Vila. A Romaría da Barca celebrarase en Muxía do 11 ao 14 de setembro, nunha edición na que o Concello volverá combinar a tradición e o carácter relixioso da celebración coa programación cultural e festiva.

Despois do pregón, chegará o concerto de Sés, enmarcado no Mercado da Deputación da Coruña 'A paisaxe que sabe', do que veciños e visitantes poderán gozar ao longo dos catro días da romaría.

A primeira noite de festa, especialmente pensada para a xuventude, arrincará co concerto de 9Louro e continuará coa verbena amenizada por Disco Móbil Impacto e Orquesta Bomba.

Cartel promocional da Romaría da Barca de Muxía 2026.

Cartel promocional da Romaría da Barca de Muxía 2026. / Cedida

O sábado, día 12, actuarán as orquestras París de Noia e Fuego, e á media noite chegará outro dos momentos máis esperados: o gran espectáculo de fogos de artificio.

O domingo 13 será o día grande da Virxe da Barca. A misa solemne celebrarase ás 13.00 horas e, de seguido, terá lugar a procesión ata o porto, onde a Virxe será recibida coa maior traca de fogos de Galicia.

Despois da sesión vermú, tardeo ata as 19.00 horas con Mar Dávila. E pola noite, dúas grandes orquestras volverán poñer Muxía a bailar: Los Satélites e Orquestra Magos.

As festas rematarán o luns 14 co regreso da Virxe da Barca ao seu santuario. A procesión partirá ás 12.00 horas. E para pechar por todo o alto catro días de celebracións a última verbena estará amenizada polas orquestras Olympus e Escaparate.

TEMAS

Tracking Pixel Contents