Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Valga busca relevo xeracional para a Festa da Anguía: “Queremos involucrar aos máis novos nesta festa”

O concelleiro de Cultura e Xuventude, Pedro Calvo, resalta a importancia da participación xuvenil na Festa da Anguía e Mostra da Caña de Valga

O concelleiro de Cultura e Xuventude, Pedro Calvo, coa tenente de alcalde, Carmen Gómez.

O concelleiro de Cultura e Xuventude, Pedro Calvo, coa tenente de alcalde, Carmen Gómez. / Concello de Valga

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Iker Cotón

A Festa da Anguía e a Mostra da Caña de Valga son unha das citas gastronómicas máis importantes da temproada estival na zona. Na súa XXXVI edición, a celebración cos dous produtos locais como protagonistas segue a medrar ano tras ano. O programa culinario valgués medrou despois da pandemia, coa creación do Agosto Gastronómico. O concelleiro de Cultura e Xuventude, Pedro Calvo, explica que esta festa nace nestas circunstancias "porque había que buscar o xeito de facer a festa, de levar a festa aos veciños e veciñas, á xente que quería participar, pero non se podía facer festa como tal".

Festa da Anguía de Valga 2026

Festa da Anguía de Valga 2026

Festa da Anguía de Valga 2026

Ruta de tapas

O edil valgués resalta a importancia da exaltación da anguía, un produto que "ou te encanta ou a odias". Un produto que abundaba na localidade hai anos: "Antigamente, nos regatos e nos ríos pequenos de Valga, os vellos collían as anguías con tenedores. Ían pescar anguías e metíanse nos regatos co tenedor e picaban a cabeza. E había anguías a fartar". Este peculiar pescado é o protagonista da ruta de tapas na que colaboran 13 locais hosteleiros do municipio.

Esta ruta non deixa de gañar popularidade: “Os locais que participan foron aumentando. Levamos catro anos nos que cada vez máis bares se animan a participar neste concurso e iso dalle moita vida a Valga”. O Concello foi o encargado de aportar a anguía a todos estes bares para manter a gratuidade dos pinchos e buscar a maior afluencia de xente posible: "Cada local leva entre cinco e dez quilos, dependendo dos días que participe na ruta".

Tradición de caña

O augardente é a outra protagonista desta festa, unha bebida moi vinculada á tradición valguesa: "Todas as casas da aldea facían o aguardente, propia cada unha das súas casas. Algunhas aldeas só tiñan un alambique e a xente iba a esa casa a facer o augardente". Malia isto, a fabricación desta bebida leva décadas perdendo forza na localidade e Pedro Calvo ten claro o causante desta caída: as trabas administrativas. "Eu entendo que tiña que ter un control sanitario, que haxa que ter certas medidas. Pero non é normal que para facer o aguardente na casa haxa que pagar un imposto, que veña un inspector de Facenda, precinte o alambrique durante todo o ano. Cando queres facer a potada, tes que vir, desprecintar... E, ao final, non se trata de comercializar un produto. Se eu quero facer na casa, pois para min, para os amigos, para consumo propio, ao fin e ao cabo, non deixa de ser consumo propio".

Malia isto, todo apunta a que Valga continuará celebrando a súa gastronomía ano tras ano: “un dos motivos da festa, pois tamén é iso: gardar esa tradición e que siga viva”, explica Pedro Calvo, “queremos involucrar aos máis novos nesta festa”.

Valga xa ten todo listo para despedir por todo o alto a súa festa gastronómica por excelencia, na que a anguía e a caña deleitan a vellos coñecidos e a novos paladares.

Tracking Pixel Contents