Valga celebra a súa tradición culinaria entre caña do país, anguía e música
O Concello aposta por unha programación estival gastronómica cargada de actividades de todo tipo

Preparación das tapas para a Festa da Anguía. / FDV
Iker Cotón
Dende hai máis de trinta anos, Valga reserva os últimos días do calendario estival para a celebración de dous dos produtos gastronómicos con máis tradición no municipio: a anguía e a caña. Este sábado 29 de agosto é o día grande da XXXVI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, unha celebración que naceu no ano 1989 co obxectivo de dar a coñecer un dos peixes máis sabrosos procedentes das augas do río Ulla.

Festa da Anguía de Valga 2026
Festa da Anguía de Valga 2026Dous anos despois, no 1991, a festa gastronómica complementouse coa celebración da Mostra da Caña do País, unha bebida que se elabora en todas as parroquias do municipio e que conta con gran tradición en toda Galicia.
Fogóns e alquitaras
Malia ser o sábado 29 o gran día deste tándem culinario e festivo, en Valga desenvolvéronse actividades gastronómicas durante todo o mes de agosto, día no que comezou a XIII Ruta - Concurso Tapa a Anguía. Este evento gastronómico contou coa participación de 13 bares de toda a localidade, que elaboraron unha tapa coa anguía como protagonista que pode desgustarse gratuitamente con cada consumición. Ademais, os participantes da ruta poderán participar no sorteo de vales de compra para gastar no comercio local, votando a súa tapa favorita do roteiro gastronómico antes do remate da actividade o 30 de agosto.

Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. / FDV
Outra das actividades culinarias levadas a cabo durante este mes foi o certame Anguía Chef, no que seis cociñeiros presentaron receitas elaboradas con anguía a un xurado. A receita gañadora foi a croqueta deconstruída da cesureña Sonia Carbia.
Un dos membros do xurado foi Álex Iglesias, que protagonizou tres showcookings os días 11, 23 e 25. Nos dous primeiros, o chef orixinario de Lalín mostrou a variedade de usos da caña branca na cociña, explorando todo o que pode aportar ao prato esta peculiar mestura entre os destilados e os fogóns. Na terceira e última presentación, o cociñeiro mostrou ao público os diferentes xeitos de preparación de anguía en catro pratos distintos.
Día grande
O venres 28 celebrarase a presentación da botella conmemorativa da XXXVI Mostra e a cata final do concurso. A gran xornada da Mostra será o sábado 29 de agosto, cun amplo programa gastronómico, musical e lúdico. Os asistentes poderán degustar de 1.000 tapas de anguía en cinco receitas distintas: catro delas elaboradas polo chef Álex Iglesias e a outra restante cociñada polo bar O Pontellón, gañador da última edición da "Tapa a Anguía" cunha croqueta de anguía rebozada en pasta kataife sobre chutney de mazá. Os máis cativos poderán desfrutar dunha gran festa infantil con inchables, obradoiros e festa da escuma a partir das 16.30 horas.
Os asistentes tamén poderán desfrutar de ata catro variedades de cócteles elaborados con caña branca, de herbas e tostada. Ademais, no Centro de Interpretación da Caña celebrarase a demostración de destilado tradicional de augardente a cargo de dous cañeiros de Valga dende as 17.00 horas.

Preparación da caña do país. / Concello de Valga
O pregón inaugural da gran xornada virá da man de Antía Piñeiro, titora da escola de Vilarello e candidata á mellor mestra de España polos Premios Educa Abanca. O discurso inaugural terá lugar ás 20.00 horas e, ao remate, prevese o acto da entrega de premios dos diferentes certames culinarios organizados durante todo o mes de agosto, ademais do certame "Embelecer Valga", unha iniciativa convocada polo Concello co obxectivo de implicar á cidadanía no coidado dos lugares públicos con materiais achegados polo Goberno municipal.
A degustación das tapas de anguía comezará ás 21.30 e será amenizada polo espectáculo Queiman Folk-Rock. Á medianoite terá lugar unha gran queimada popular gratuíta, conxurada polo Bruxo Queiman. Tras isto, a verbena amenizada polas actuacións da París de Noia e a orquestra Marbella porá fin á gran xornada do sábado.

Receita gañadora do certame culinario. / Concello de Valga
As celebracións pecharanse o domingo 30 de agosto coa última xornada da XIII Ruta-Concurso Tapa a Anguía.
O concelleiro de Cultura e Xuventude de Valga, Pedro Calvo, destaca que nesta festa culinaria "os diversos cociñeiros que pasaron a facer estas actividades descubriron formas totalmente distintas, tanto de cociñar a anguía como dos usos que pode ter o aguardente na gastronomía. Non só como chupito para beber despois de comer ou unha copa que te tomas". Estas diversas actividades gastronómicas fan que ano tras ano se descubran novos usos da anguía e da augardente en receitas moi variadas. Isto, segundo Pedro Calvo, fai que as xornadas gastronómicas de Valga medren cada ano.
- Muere Manuel Peleteiro Ramos, hijo de los fundadores del Colegio Peleteiro de Santiago
- Medio Ambiente detecta un auge de la pesca eléctrica en los ríos gallegos: «No me esperaba que hubiese tanto furtivismo de este tipo»
- Las nueve medidas con las que el candidato del PP Borja Verea quiere convertir Santiago en 'la mejor capital de Europa' para las familias
- El primer bar vikingo de Santiago abre con un barco a tamaño real como barra: 'Va a ser algo nuevo en la ciudad
- De perseguir autógrafos en Lavacolla a levantar la Copa del Mundo: Borja Iglesias vuelve a casa para ser homenajeado
- Dos jóvenes acaban en el hospital tras sufrir violentas agresiones en las fiestas de A Mercé de Conxo
- Santa Minia de Brión 2026: Luar na Lubre, Olympus y Finisterre en la primera edición como Fiesta de Interés Turístico de Galicia
- Llegan de Gran Canaria con sus dos hijos de 3 y 4 años para hacer el Camino tras una depresión y acaban siendo 'el aliento' de otros peregrinos