Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

San Ramón de Bealo: a romaría campestre máis antiga de Galicia

A romaría, considerada a máis antiga de Galicia que se celebra de forma ininterrompida, combina tradición, devoción, música e gastronomía durante seis días de celebracións

Carballeira da capela de San Ramón de Bealo.

Carballeira da capela de San Ramón de Bealo. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Iker Cotón

A parroquia boirense de Bealo engalana a Carballeira da Capela para a celebración das festas de San Ramón, unha festividade declarada Festa de Interese Turístico de Galicia e que conta con máis de 250 anos de historia.

Esta festividade está considerada unha das máis antigas de Galicia e é, segundo a tradición, a romaría campestre máis antiga que se celebra de maneira ininterrompida desde 1756. Ao longo de máis de dous séculos, a celebración mantivo boa parte dos seus elementos tradicionais e converteuse nunha das citas máis singulares do calendario festivo de Boiro.

A celebración conserva tamén vínculos co paganismo e coa tradición popular arredor da fertilidade. Segundo a crenza, as mulleres embarazadas ou aquelas que desexan ter descendencia deben acudir ao templo para pedirlle a San Ramón un parto san. Esta tradición mantívose viva ao longo das xeracións e continúa sendo un dos principais elementos que caracterizan esta romaría.

O programa

As celebracións comezaron o domingo 30 de agosto coa procesión das imaxes dos santos desde a Igrexa Parroquial de San Pedro ata a Capela de San Ramón, onde se celebrou unha misa cantada. Pola noite, soaron as primeiras notas musicais das festividades na verbena, a cargo do grupo Montreal e da disco móbil Planet.

As festas continúan hoxe, luns 31. Unha misa rezada e outra cantada abrirán a xornada, antes da sesión vermú, que comezará ás 13.00 horas. A verbena estará amenizada polos grupos La Conexión e Elebé 2.0.

O martes, día 1 de setembro, os encargados de poñerlle música á noite boirense serán a orquestra D'Noche e o grupo La Bamba. A orquestra Compostela e o grupo Unión y Fuerza porán a nota musical na verbena do mércores 2 de setembro.

O xoves 3 de setembro, as imaxes dos santos regresarán en procesión desde a Capela de San Ramón ata a Igrexa Parroquial. No apartado musical desta xornada poderase desfrutar das actuacións das orquestras Marbella e Los Satélites.

Cartel das festas de San Ramón de Bealo.

Cartel das festas de San Ramón de Bealo. / Cedida

O domingo 6, derradeiro día das celebracións de San Ramón de Bealo, a gastronomía pasará a un primeiro plano coa degustación de polbo e viño a prezos populares. A música correrá a cargo do grupo de gaitas Aires do Río Vello, que se encargará de pechar seis días de celebración na parroquia boirense de Bealo.

As misas cantadas celebraranse ás 12.00 horas das mañás do martes, mércores, xoves e domingo.

TEMAS

Tracking Pixel Contents