Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cee activa obras para mellorar servizos e instalacións municipais por 1,6 millóns de euros

Pavimentaranse 13 vías, dotarase de saneamento a Brens e Campo Sacramento, e faranse un campo de fútbol X-Ttress e un miradoiro voladizo

Panorámica do paseo marítimo de Cee.

Panorámica do paseo marítimo de Cee. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Cee

O Concello de Cee vai adxudicar nas próximas semanas sete novas actuacións, mentres que outras obras xa se atopan adxudicadas e a piques de comezar. En total, os proxectos actualmente en marcha ou en fase de adxudicación supoñen un investimento de 1,6 millóns de euros, ao que se suman outras actuacións de menor contía xa adxudicadas.

Entre elas destaca a pavimentación de 13 viais municipais, cun investimento de 543.641,69 euros, que xa foi adxudicada.

A actuación permitirá renovar 6.037 metros de viarios municipais en diferentes puntos do concello, entre eles o vial que une a AC-552 co lugar do Son, as rúas Santiago de Compostela e Estatuto de Autonomía, o viario entre o cemiterio e o cruce de Xallas, Vilar de Toba, desde os Muíños de Toba a Guimareu, o acceso ao repetidor do Son, Estorde, Morancelle, Calzada-Escabanas-Lagarteira, Ruibo, Lobelos e Codesos.

Dentro deste paquete de investimentos atópase tamén a mellora da rúa Buenaventura Castro Rial, correspondente ao POS+2026, cun orzamento de 187.078,15 euros.

A actuación permitirá realizar unha renovación integral da rúa, incluíndo pavimentos e beirarrúas, a creación dunha zona de convivencia, a renovación das redes de saneamento e pluviais, unha nova canalización de alumeado con dez luminarias led, dous pasos de peóns elevados e a renovación da sinalización.

O Concello actuará igualmente sobre as redes de saneamento de Brens e Campo Sacramento, cun investimento de 77.742,11 euros, para permitir que as vivendas que actualmente non dispoñen de conexión poidan incorporarse á rede municipal.

A esta actuación súmanse a pavimentación de 755 metros de viarios en Toba, Tedín e Ruibo, por 68.918,55 euros, e a mellora dos viarios de acceso a Vilanova, por 59.585,24 euros (financiada por Agader).

Tamén se renovará a pista polideportiva de Lires, cun investimento de 48.279 euros, mellorando tanto o pavimento como o peche perimetral e o contorno da instalación.

No ámbito deportivo, o Concello prevé ademais a creación dun novo campo de fútbol X-Ttress no Paseo Alcalde Pepe Sánchez, cun investimento de 48.279 euros.

Outro dos proxectos previstos é a melloras viaria en Pallares e Escabanas, cun investimento de 100.179,18 euros, que permitirá renovar máis de 2.149 metros cadrados de pavimento, renovar a recollida de augas pluviais e substituír parte da varanda situada xunto ao río.

A estas actuacións súmanse a reforma dos aseos da casa consistorial para adaptalos ás persoas con mobilidade reducida, xa adxudicada por 47.539,09 euros, e dos aseos sitos nas casetas do paseo marítimo, cun investimento de 39.322,36 euros.

Igualmente, están en execución o miradoiro voladizo do Son, cun orzamento de 127.689,12 euros, e a mellora do planta sótano do mercado municipal, por 236.524,69 euros

Está en tramitación o proceso de licitación da mellora de pistas en Ameixenda e Gures por importe de 37.437,40 euros.

A alcaldesa, Margarita Lamela, destaca que "detrás de todas estas actuacións hai unha mesma maneira de entender a xestión municipal. Cee non se fai dunha vez; faise todos os días. Facémolo cando melloramos unha rúa, cando levamos saneamento a unha casa, cando arranxamos unha pista ou cando creamos un novo espazo para que os nosos nenos e nenas poidan xogar”.

Lamela subliña ademais que “temos un concello que está vivo, que ten proxectos e que segue avanzando. E iso é o que quero para Cee: unha vila con futuro, con servizos, con oportunidades e na que apeteza vivir”.

TEMAS

Tracking Pixel Contents