Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Programa Apego regresa a Ames cun outono de contos, música, maxia e actividades en familia

A programación arranca este mércores na Carballeira dos Trasnos de Ventín e prolongarase ata decembro con propostas para favorecer a crianza en galego

Acto de presentación da nova programación de Apego na Carballeira dos Trasnos, en Ventín (Ames).

Acto de presentación da nova programación de Apego na Carballeira dos Trasnos, en Ventín (Ames). / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Susana López Carbia

Susana López Carbia

Ames

O Programa Apego regresa a Ames cunha ampla programación para os meses de setembro, outubro, novembro e decembro. Música, contos, teatro, baile, xogos, obradoiros, maxia ou cinema forman parte dunha proposta pensada para as familias e que ten como principal obxectivo favorecer a transmisión do galego ás novas xeracións.

O Concello de Ames presentou este martes as actividades que se desenvolverán durante o último cuadrimestre do ano, organizadas polos departamentos de Normalización Lingüística, Cultura e Bibliotecas. O calendario arranca xa mañá, mércores 2 de setembro, coas Brincadeiras miúdas, unha actividade ao aire libre que se celebrará na Carballeira dos Trasnos de Ventín e para a que non será necesaria inscrición previa.

O alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, incidiu precisamente na importancia de implicar as familias no uso do idioma. «O principal obxectivo é que se fale galego, para que siga existindo e transmitindo entre as distintas xeracións», sinalou. O programa busca tamén, engadiu, «estimular e facilitar o coñecemento da nosa lingua» entre a poboación máis nova.

Na mesma liña, a técnica do Servizo de Normalización Lingüística Rosa Moreiras explicou que o eixo central de Apego pasa por «favorecer a crianza en galego» e animar as familias a transmitirlles a lingua ás crianzas.

O primeiro encontro, en Ventín

As Brincadeiras miúdas servirán para abrir o programa cunha xornada na que participarán Miudiño e Cé Orquestra Pantasma. Haberá música, baile, xogo libre e obradoiros para crear xoguetes.

A partir de aí sucederanse durante os próximos catro meses propostas moi diferentes. Polo programa pasarán artistas e compañías como Paco Nogueiras, Migallas Teatro, Cris de Caldas, Miguel Froján, Raquel Queizás, Brais das Hortas, Iseo a Moura, Fundación Legar, A Cova das Letras, Sonsoles Penadique, Chechu Riquelme e A Banda da Montaña.

As bibliotecas municipais tamén se incorporan á programación. A animadora á lectura da Biblioteca do Milladoiro, Divina Fernández, avanzou que setembro servirá para dar a benvida ao curso escolar con Contos con Miga, en Bertamiráns, e Contos con Xeito, no Milladoiro. A partir de outubro regresará o ciclo Conto, contiño.

Festimax en outubro e Cinema Miúdo en novembro

Dúas das citas destacadas chegarán da man da programación cultural. Do 23 ao 25 de outubro, as Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro acollerán unha nova edición do Festimax, con tres días de obradoiros, espectáculos e galas de maxia para diferentes públicos.

Xa en novembro, entre os días 13 e 15, será a quenda de Cinema Miúdo, o festival internacional de cinema infantil e familiar que busca achegar a sétima arte aos máis pequenos. Tanto Festimax como Cinema Miúdo contarán posteriormente coa súa propia programación específica.

A técnica municipal de Cultura, María Vázquez, destacou que ambos os festivais se incorporan de novo á oferta de Apego, cun Festimax que xa se converteu nun clásico da programación municipal e unha nova edición de Cinema Miúdo.

Contos para nenos e nenas de 3 a 8 anos

O outono traerá tamén novas sesións de Conto, contiño ás bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro. Cada mes estará dedicado a unha temática: ** Contos agarimosos en outubro, Contos estraños en novembro e Un Nadal entre contos en decembro**.

Estas actividades están dirixidas a nenos e nenas de 3 a 8 anos e comezarán sempre ás 17.30 horas. Neste caso será necesaria inscrición previa, que poderá realizarse nos teléfonos 981 884 829, para a Biblioteca de Bertamiráns, e 981 530 807, para a do Milladoiro, ou a través do correo electrónico biblioteca@concellodeames.gal.

Con esta nova entrega, Apego volve combinar lecer e aprendizaxe para achegar ás familias recursos cos que incorporar o galego á vida cotiá e favorecer que a lingua continúe pasando dunha xeración á seguinte.

Tracking Pixel Contents