Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Bono Remuda Rural xa permitiu garantir a continuidade de doce negocios na provincia da Coruña

Belén do Campo visitou en Muxía Talleres Os Muíños S.L., cuxo novo propietario recibiu unha axuda de 30.000 euros

Belén do Campo, á esquerda, a carón de Javier Sar, nas instalacións de Talleres Os Muíños S.L.

Belén do Campo, á esquerda, a carón de Javier Sar, nas instalacións de Talleres Os Muíños S.L. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Muxía

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Muxía, Javier Sar, e pola tenente alcalde, Sandra Vilela, visitou este mércores Talleres Os Muíños S.L, un dos establecementos beneficiarios do Bono Remuda Rural 2025.

Esta liña de axudas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vai destinada a facilitar a remuda xeracional das persoas traballadoras autónomas e garantir a continuidade de negocios viables.

Neste senso, o novo propietario contou coa achega máxima de 30.000 euros para garantir a continuidade do negocio, e a persoa que llo transmitiu, pola súa banda, recibiu 6.000 euros.

Do Campo puxo en valor o impacto deste programa na provincia, onde xa permitiu apoiar 12 negocios situados en nove concellos, cun investimento superior aos 275.000 euros.

Así mesmo, destacou que a Xunta incrementou este ano nun 20% o orzamento desta liña de axudas, ata alcanzar os 1,5 millóns de euros, co obxectivo de seguir impulsando a remuda xeracional no tecido comercial e empresarial galego.

“O Bono Remuda destaca pola súa eficacia á hora de facilitar a continuidade dos pequenos negocios e apoiar as iniciativas emprendedoras, contribuíndo a manter o emprego e a actividade económica nos nosos concellos”, sinalou.

A delegada destacou o éxito deste programa, que xa rematou recentemente o seu crédito para este ano, e foi repartido en concorrencia non competitiva por orde de presentación con dúas modalidades.

Por unha banda, o Bono Remuda Rural, destinado a negocios situados en concellos de menos de 10.000 habitantes, subvenciona o 75% do importe do contrato de remuda. Pola outra, o Bono Remuda Xeral, dirixido aos municipios de maior poboación, cobre o 70% do custo. A contía máxima da axuda ascende con carácter xeral a 30.000 euros, sen prexuízo das excepcións previstas na convocatoria.

Belén do Campo lembrou que o Bono Remuda forma parte da orde única de axudas da Xunta para persoas traballadoras autónomas, integrada por cinco programas orientados a favorecer o emprendemento, a consolidación da actividade e a conciliación.

Neste sentido, destacou que a convocatoria deste ano incorpora novidades na liña de promoción do emprego autónomo, dotada con 28,9 millóns de euros, ampliando ata dous anos a cobertura da cota cero para as persoas que inicien unha actividade vinculada á agricultura, á gandaría ou á silvicultura, fronte aos doce meses previstos na liña xeral.

A orde complétase co Bono Nova Oportunidade, dotado con 1,5 millóns de euros para facilitar o retorno ao autoemprego; o Bono Autónomo, con 8 millóns de euros para apoiar investimentos e melloras en negocios con máis de 42 meses de actividade; e unha liña de incentivos á conciliación familiar, cun orzamento de 750.000 euros.

Tracking Pixel Contents