Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A cadea monte-industria acada a súa mellor cifra de facturación

O conselleiro do Medio Rural explicou en Boqueixón que son os valores máis altos dende que hai datos, a partir de 2016

A facturación da cadea monte-industria de Galicia superou no ano 2021 os 2.500 millóns de euros, sendo esta a mellor cifra dende que hai datos, a partir de 2006. Ademais, as estimacións “máis prudentes” aportan unha cifra aínda mellor para o presente ano. Así o destacou este martes en Boqueixón o conselleiro do Medio Rural, José González, durante o acto de clausura da xornada de presentación do informe anual da cadea monte-industria galega, na que estivo acompañado do director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, e do director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan.

Neste acto, o titular de Medio Rural anunciou tamén que ao longo do vindeiro ano a Consellería iniciará o camiño para a redacción dun Plan Estratéxico da industria forestal-madeira. O principal obxectivo desta iniciativa é responder a unha demanda do propio sector, no sentido de aliñar o Plan Forestal de Galicia (que está especialmente orientado cara ao recurso) coas necesidades da industria (máis enfocadas neste caso no produto).

Ademais, salientou a contribución da cadea monte-industria ao Produto Interior Bruto galego, que se cifrou no 1,6 % en 2021 e puxo en valor os principais datos deste eido produtivo. O conselleiro salientou tamén que dita cadea supón o 12 % do emprego industrial de Galicia, con 24.500 postos de traballo directos e, o que cualificou como “máis importante”, empregos que están vinculados directamente ao rural galego.

Ante estas cifras, o titular de Medio Rural sinalou que a Xunta é “totalmente consciente do recurso que posuímos e, sobre todo, da necesidade de saber xestionalo”. De feito, engadiu que “este Goberno fai unha aposta como non houbo antes en materia forestal en Galicia”. Asimesmo, González concluíu que, ante un sector que representa unha das principais fontes de riqueza e emprego no rural galego, “temos que ser hábiles na toma de decisións”.

Neste marco situou a importancia da colaboración institucional e cos profesionais do sector para impulsar instrumentos clave, como o Plan Forestal de Galicia.

23 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.