Santiago
+15° C
Actualizado
miércoles, 30 noviembre 2022
08:03
h

A Carballeira de Baio únese ao exclusivo Catálogo de árbores senlleiras de Galicia

Aúna valores paisaxísticos, estéticos e culturais // Acolle cada ano unha festa tradicional que naceu da romaría do Pescantín

O Diario Oficial de Galicia publicou este mércores a inclusión da Carballeira de Baio no Catálogo galego de árbores senlleiras, segundo informou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, durante unha visita que realizou a este espazo natural do Concello de Zas, na que estivo acompañada polo alcalde, Manuel Muíño.

A Carballeira de Baio, situada ao carón do río Grande do Porto, conta con preto de 300 carballos e outras especies que conviven nos límites da mesma, como abeleiras, acivros e loureiros formando un único conxunto de 9.695 m2, no que hai algúns exemplares de gran tamaño, con portes que varían entre os 45 e 80 centímetros de perímetro, e que chegan a acadar ata 22 metros de altura. Ademais, estímase que a idade aproximada dos exemplares rolda os 150 anos.

Segundo salientou Belén do Campo, esta carballeira é unha representación máis de formación de árbores autóctonas, cuxo valor non só se reflicte nos portes e formas dos carballos que posúe senón tamén na importancia paisaxística e estética, ademais da relevancia cultural polo uso tradicional que se fai nela. De feito, configúrase como un espazo integrado na vida cultural da localidade como lugar para a celebración de eventos culturais, deportivos, musicais e da tradicional festa da Carballeira de Baio. Unha celebración que tivo a súa orixe nunha romaría coñecida como Festa do Pescantín, que se celebra o día do patrón dos pescadores, o 30 de xuño.

A maiores, a directora xeral lembrou que tras a inclusión desta carballeira no Catálogo de árbores senlleiras, o Concello de Zas pode optar á liña de axudas que convoca anualmente a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para a conservación, protección e mellora dos exemplares e formacións incluídas no catálogo.

Esta carballeira é a segunda formación arbórea da Costa da Morte incluída no referido rexistro, no que xa figuraba o carballo do Pazo de Vilar de Francos, de Carballo.

ACTUALIZACIÓN. O Catálogo galego de árbores senlleiras é unha ferramenta aberta e en constante actualización, podendo propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou asociacións e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza.

De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, foi obxecto xa de diversas revisións e periodicamente sométense a información pública novas propostas para valorar a posible incorporación de exemplares con valores salientables, como é o caso da carballeira de Zas.

Este rexistro público de carácter administrativo inclúe todas aquelas árbores e formacións excepcionais merecentes de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, proporcións, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia que as faga merecentes dunha especial protección.

Na actualidade, forman parte do Catálogo de árbores senlleiras un total de 183 elementos —divididos en 144 exemplares e 39 formacións arbóreas— pertencentes a 81 especies diferentes e ás catro provincias galegas.

17 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Zas
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.