Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Veciños da parroquia lalinense de Doade participaron na sega como paso previo á festa do día 21 de agosto // Este ano non haberá público en vivo TEXTO Manuel Boo

A Casa do Patrón achégase á malla

Este luns celebrouse un ano máis na contorna do Museo Etnográfico Casa do Patrón de Lalín a sega manual do centeo e o atado, carrexo de máis de 350 mollos coa posterior feitura da meda. Debido á actual situación sanitaria pola COVID, a sega foi de carácter restrinxido, sen presenza de público e retransmitida vía streaming para facilitar a súa difusión a quenes se achegaron outras veces a ver esta actividade en vivo.

Foron parte activa desta sega 33 persoas: veciños de Doade, amigos da Casa do Patrón, membros do grupo de gaitas Os Trasnos e participantes do campo de voluntariado Tradición en verde, que está a realizar diversos traballos etnográficos estes días no mencionado museo.

Cabe destacar a gran participación de xente nova –mozos e mesmo nenos–, que constitúe un dos obxectivos fundamentais das actividades da Casa do Patrón, recuperando, mantendo e transmitindo as tradicións ás futuras xeracións.

A sega actúa como preámbulo da XXII edición da Malla Tradicional de Lalín, que se executará o vindeiro día 21 de agosto, sábado, pola mañá. Debido a razóns de seguridade ante a crise sanitaria, tampouco poderá contar con público en vivo, aínda que será retransmitida en directo a través de Internet.

A malla era un dos traballos colectivos máis importantes da agricultura rural en Galicia; todos os veciños axudábanse mutuamente e durante un tempo toda a aldea se adicaba case en exclusiva a desgranar o millo e o centeo para facer pan durante o resto do ano.

No ano 2000, o Museo da Casa do Patrón empezou a recrear esta práctica no mes de agosto, amosando as tres formas máis antigas de mallar: á pedra, con males e coas primeiras máquinas con motor.

Este ano a festa estará incompleta, porque o traballo acompañábase dun xantar popular, música e demostracións de diversos artesáns da zona, que facían desta celebración un referente en toda a comarca. Pero desta volta non haberá público, polo que se suspende o xantar.

12 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.