Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
O Museo Etnográfico publicou varios libros, grabou un documental, realizou excavacións no castro de Doade e construíron unha capela // A última das actividades foi a celebración da Aldea no Nadal en Codeseda TEXTO Avelino Arca

A Casa do Patrón levou a cabo máis de dez iniciativas no 2021

Coa organización da terceira edición consecutiva da Aldea no Nadal en Codeseda, o Museo Etnográfico Casa do Patrón púxolle o broche de ouro a un ano cheo de retos, dificultades e moito traballo. Según informa Manuel Blanco Villar, a institución editou dous libros, o Manual lingüístico e didáctico do proceso do liño e o Patrimonio inmaterial de San Pedro de Doade; grabou varios vídeos acerca da sega, a malla e o proceso do liño; e realizou un documental de 90 minutos de duración sobre a historia do museo. Tamén levaron a cabo a séptima campaña de excavación do castro de Doade, convertindo 18 metros de longo dunha muralla defensiva nun museo; e recuperaron cerca de 2.400 restos arqueolóxicos, que pasarán a formar parte da exposición da Casa do Patrón.

En canto a actividades, realizaron a XXII edición da Malla Tradicional de Doade, a única das grandes segas e mallas de Galicia que continúa celebrándose nos últimos anos debido á ausencia de público; efectuaron a XIII recreación do proceso do liño; e acometeron a construción da capela de Codeseda. A obra, de máis de 9 metros de largo e 6 de ancho, foi feita en cantería e presidida por unha réplica da antiga Sagrada Familia de Codeseda, tallada en madeira de castiñeiro policromada. No seu interior o museo montou a exposición Líbranos do mal: lingua, culto e crenza, composta por 300 pezas que versan sobre a relixiosidade e do pobo galego. Ademais, o Museo Etnográfico acometeu a montaxe dunha sala de medicina tradicional e das antigas boticas, na que incorporaron 200 apeiros.

Finalmente, a Casa do Patrón coordinou a execución dos traballos do galardón Aldea Singular, concedido ao Museo e excutado polo Concello de Lalín, restaurando as dúas fontes máis emblemáticas da parroquia e colocando paneis informativos na totalidade dos lugares da parroquia.

Dende a institución queren agradecer todo o apoio recibido, tanto da Xunta de Galicia, da Deputación de Pontevedra e do Concello de Lalín, como da continuada colaboración de veciños que lles permitirán seguir mantendo “viva a Galicia profunda e baleirada, pola que moitos avogan, pero moi poucos loitamos a cotío pola súa supervivencia”.

O persoal da Casa do Patrón séntese orgulloso do traballo realizado durante os 26 anos que leva operando a organización, e agardan “con esperanza e optimismo a entrada do vindeiro ano xacobeo 2022”.

En total, este ano o Museo contou con 14 salas de exposición, múltiples obradoiros, actividades e gastronomía tradicional galega; rutas de sendeirismo e finalmente unha aldea rural totalmente restaurada, nunha zona de gran riqueza medioambiental e cunha ampla historia acreditada e que foi documentada en 16 libros, 5 vídeos e 1 documental.

26 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.