Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Costa da Morte, primeiro destino turístico Starlight da provincia da Coruña

Directivos da CMAT recollerán o distintivo no salón Fitur // O xeodestino recibirá tamén un Recoñecemento Especial outorgado por Turismo de Galicia

Costa da Morte xa é destino turístico Starlight. Así o confirmou a Fundación Starlight á CMAT, asociación que xestiona o xeodestino turístico integrado por 17 concellos (Cabana, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas). Súmase así este ano á rede internacional de astroturismo.

Despois dos traballos realizados no2022 para alcanzar a certificación, e tras o proceso de análise e auditoría realizado polo equipo técnico da Fundación Starlight, liderada pola súa directora Antonia Varela, confírmase que Costa da Morte superou os requisitos para obter este prestixioso selo. “Non soamente se recoñéce a idoneidade deste territorio para a contemplación do ceo nocturno, senón tamén o compromiso para a súa conservación e a vontade público-privada para reducir a contaminación lumínica e mellorar a iluminación pública en exteriores”, destaca Mónica Rodríguez.

En breve daránse a coñecer os resultados detallados da certificación e o Plan de Medidas de Mellora proposto pola Fundación Starlight, que deberá ser implantando ao longo dos próximos catro anos. Tamén será precisa a zonificación do distintivo, xa que ao contar Costa da Morte cun territorio tan amplo en comparación con outros destinos da rede, será preciso delimitar cales serán as zonas mellor conservadas e cales quedarán excluídas polo incumprimento dos indicadores que garanten unha boa calidade do ceo nocturno.

Costa da Morte confírmase así como o primeiro Destino Turístico Starlight da provincia da Coruña e o cuarto de Galicia, xunto co Parque Nacional das Illas Atlánticas, Trevinca e o Concello de Muras. A CMAT considera que o selo “asígnalle ao xeodestino un relevante posicionamento tanto na comunidade autónoma como no eido nacional e internacional”.

A xunta directiva da CMAT, que preside Mónica Rodrígueza, celebrou unha xuntanza en Vimianzo para concretar as accións de promoción en Fitur, do 18 ao 23 de xaneiro, que xirarán, fundamentalmente, arredor da obtención do certificado Destino Turístico Starlight.

De tal importancia é esta certificación, non só para Costa da Morte, senón para a provincia e para Galicia, que Turismo de Galicia seleccionou ao xeodestino como un dos que obterán un Recoñecemento Especial en Fitur por parte da Xunta.

“Costa da Morte suma o seu territorio á oferta galega de astroturismo, que a fai máis competitiva e diferencial”, lembra ao unísono a xunta directiva da asociación. “É un dos proxectos máis ambiciosos, ilusionantes e con maior potencial dos últimos anos”, destaca Mónica Rodríguez, quen indica que todo o sector turístico “está desexando poñer en marcha e impulsar iniciativas e actividades, co apoio e asesoramento da Fundación Starlight”.

Feira de Madrid
Amplia representación

··· A Fitur está previsto que asistan a presidenta da CMAT, Mónica Rodríguez; a vicepresidenta, Sandra Insua; o tesoureiro, José Muíño; o secretario, Pepe Formoso e o vogal José Marcote. Tamén acudirán alcaldes e alcaldesas dos municipios do destino e unha representación do sector turístico privado, a través de APTCM.

··· O 19 de xaneiro, ás 14.30 horas, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, fará entrega do Recoñecemento Especial á CMAT que, ás 18.30 horas, presentará o xeodestino na capital de España. O día 20, ás 12.30 horas, Nava Castro e o catedrático Jorge Mira, presentarán a ‘Guía do último solpor da Europa continental’.

14 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.