Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A Efa Piñeiral arzuá defendeu o benestar dos máis pequenos

Durante toda unha semana o centro celebrou actividades con profesionais multidisciplinares

Baixo o lema “O benestar da infancia; un desafío compartido” celebrouse no centro de formación profesional e promoción rural Efa Piñeiral de Arzúa un programa de actividades con profesionais multidisciplinares que puxeron o foco en aspectos do coidado e da educación infantil.

O papel da dirección dun centro educativo foi exposto por Ángeles Santamarta, directora do CPR Nuestra Señora del Rosario, de Arzúa. O rol das familias estivo representado grazas á conferencia protagonizada por ACOUGO (Asociación Galega de Familias de Acollida). Natalia Gómez Bayón, nai de acollida e socia colaboradora de ACOUGO, afondou nas diversas realidades sociofamiliares nas que viven os nenos. Carmen Mª Martínez Conde, directora do máster de orientación familiar da UNIR abordou aspectos básicos a ter en conta na educación dos nenos e nenas de cara a garantir o seu benestar.

Celebrouse unha mesa redonda titulada O papel dos educadores infantís no benestar da infancia: escolas infantís e tempo de lecer, na que participaron Concepción Fernández López, directora da Galiña Azul de Melide, Mallo Rodríguez Bernal, coordinadora do Centro de educación infantil Dolores Ramos, e Nathalie Budiño, responsable da empresa de ocio e tempo libre La Gramola.

Asemade celebráronse as conferencias Atención e acollida na aula a nenos con enfermidades de longa duración, a cargo de David Vivar, coordinador de Asotrame, e A xurisdicción en familia como garante dos dereitos da infancia, impartida por Evaristo Nogueira. Dito programa de actividades completouse cunha dinámica compartida entre o alumnado dos ciclos de educación infantil e márketing e publicidade do centro sobre os aspectos a ter en conta no deseño da cartelística relacionada coa infancia, o concurso de curtametraxes sobre os dereitos da infancia e unha performance musical, actividade que se encargou de pechar esta iniciativa.

07 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.