Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Trenor anunciou que se levarán a cabo obras de reforzo do firme na AC-550 entre ambos términos // A actuación incluirá a execución dun cambio de sentido e a creación dun carril central de espera // Incrementan a seguridade TEXTO María Cano

A estrada que une Noia e Ribeira recibe unha inxección de 2,6 M€

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, anunciou este venres un investimento de 2,6 millóns de euros para levar a cabo obras de reforzo do firme na AC-550. Fíxoo durante un encontro mantido cos rexedores de Noia, Santiago Freire Abeijón, e Porto do Son, Luis Oujo Pouso, e coa tenente alcalde de Ribeira, María José Sampedro.

O obxecto desta importante actuación é a mellora de dita estrada no treito que une os termos noiés e ribeirense pasando polo sonense, entre os puntos quilométricos 69+500 e 107+850, onde tamén se proxecta a execución dun cambio de sentido e un carril central de espera.

Gonzalo Trenor destacou que as obras que se licitan “suporán unha maior seguridade e comodidade aos usuarios que circulan por esta vía, moi frecuentada, especialmente na tempada de verán”. Estas obras, ademais, “facilitarán a mobilidade aos habitantes dos tres municipios onde se realizarán as actuacións”, dixo.

Segundo sinalou o delegado, os traballos que se van realizar están encamiñados á reparación, rehabilitación e reforzo superficial do firme, adecuándoo ás súas necesidades funcionais e de durabilidade.

Ademais, este contrato recolle dúas actuacións adicionais: un cambio de sentido no punto quilométrico 88+500 e a formación dun carril central de espera para o xiro á esquerda no 92+500, para o que será necesario ensanchar a estrada AC-550 cara á súa marxe esquerda.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publicou este venres o anuncio da licitación deste contrato, cun investimento de 2,6 millóns. As empresas interesadas na execución das obras teñen ata o vindeiro 8 de xullo para presentar as súas ofertas. Os traballos contan cun prazo de execución de seis meses.

Estas obras están incluídas no Plan de Reforzos de Firme que está a desenvolver o Goberno galego desde o convencemento de que priorizar a conservación das estradas autonómicas e investir na súa mellora é “velar pola seguridade dos cidadáns e mellorar os servizos e a calidade de vida de todos os galegos”, subliñou Gonzalo Trenor.

Nestes momentos a Xunta “ten comprometidos máis de 8 millóns de euros no ámbito das infraestruturas para mellorar a calidade de vida dos veciños de Noia, Lousame, Outes, Ribeira e O Son”, concluíu.

o protagonista
forte aposta da xunta pola comarca do barbanza
Gonzalo Trenor
Delegado territorial da Xunta na Coruña

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, destacou este venres durante a súa visita ao municipio sonense a importante aposta que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que dirixe Ethel Vázquez Mourelle, está levando a cabo actualmente na comarca do Barbanza. Neste sentido apuntou que neste momento están comprometidos, en distintas fases de execución, máis de 5,4 millóns de euros no eido das infraestruturas viarias nos concellos de Noia, Outes, Lousame, Ribeira e Porto do Son.

O representante do Goberno autonómico puxo como exemplo deste compromiso a nova glorieta da Barquiña e a mellora da travesía na AC-550 ata a alameda de Noia, cun investimento de 1,14 millóns de euros. Tamén se referiu ás obras que se están a executar no viaduto medieval de Ponte Nafonso e ás previstas para a Ponte Ceilán cun orzamento global de 1,2 millóns de euros, así como á glorieta habilitada na AC-550 en Xuño, no concello de Porto do Son, que supuxo un investimento de máis de 300.000 euros.

Durante a reunión mantida cos munícipes, Gonzalo Trenor tamén recordou os investimentos en materia de augas, que ascenden neste momento na comarca a máis de 3 millóns de euros, en distintos proxectos, como o Plan Director de Saneamento de Noia, a redacción do proxecto para a mellora da EDAR de Noia, a mellora da rede de saneamento e nova depuradora de Lousame, ou a nova depuradora de Queiruga.

En total, segundo avanzou o delegado territorial da Xunta na Coruña, o Executivo galego ten comprometidos neste territorio uns fondos que superan os 8 millóns de euros, que investirá en diferentes infraestruturas.

{ blanco o negro }
En buena dirección
María Cano

los gobiernos siempre deben tener presente el papel que juegan las carreteras en la vida diaria de los habitantes y la importancia de trabajar en la mejora de la red viaria con el objetivo de proporcionarle a estos unas vías eficientes y, sobre todo, seguras. En el caso de la comarca del Barbanza, el tramo de la AC-550 que une los municipios de Noia y Ribeira pasando por Porto do Son es muy transitado, al ser la principal vía de comunicación entre ambos términos. Obras de mantenimiento y mejora que, además, traerán bajo el brazo la creación de un carril de espera y la ejecución de un cambio de sentido. Todo ello, con la finalidad de favorecer la movilidad e incrementar la seguridad. Es su deber seguir remando en esta dirección.

14 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.