Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Estrada xuntou a dez mil persoas na Feira do Moble

Este domingo tivo lugar a cuarta e última cita do evento // A maior parte das firmas apuntan que cumpriron as expectativas

Nesta cuarta e última xornada da Feira do Moble de Galicia, a Fundación de Exposicións e Congresos constatou como nesta 34 edición, se recuperaron os niveis de público previos á pandemia sanitaria. Así, xunto cos visitantes locais, o certame recibiu espectadores chegados de toda Galicia, especialmente na fin de semana. En conxunto, esta cita feiral na que se mostraron propostas en equipamento para todo o fogar xuntou na Estrada, segundo a organización, a 10.000 persoas, unha cifra moi semellante á que tivo en 2019 (contou cun día menos de feira).

O equipo organizativo recoñece que “esta edición foi complicada e complexa, polo que nos sentimos orgullosos da celebración do certame e de que o público nos volvese apoiar masivamente, recuperando a afluencia da última edición celebrada”. Neste senso, dende a Fundación de Exposicións e Congresos quixeron sinalar tamén que foron moitos os visitantes que se achegaron ao recinto feiral buscando moble con selo local, polo que “o desexado sería contar con máis firmas de mobiliario na feira e, especialmente, de mobiliario estradense”, indicaron.

Pese a todo, a meirande parte das firmas expositoras apuntan que as súas expectativas se cumpriron, suliñando parte delas que non agardaban “nin a masiva afluencia de público nin o volume de negocio xerado”. Por exemplo, dende a marca estradense Artest Mobiliario, valorando positivamente o certame, quixo lembrarse que este evento é un referente para o concello e para o sector local. “A feira para nós é un escaparate promocional e unha estratexia de marketing que nos consolida no mercado”, sinalaron.

Xunto a empresas xa veternas na cita, estiveron outras que se estreaban, tales como Venstar, cuxo stand resaltou a súa satisfacción a nivel organizativo. Unha sensación semellante foi a expresada dende a firma local Terca: “cumprimos o obxectivo primordial, que non era outro que o de darnos coñecer na faceta das enerxías”. Dende Frigohogar, que tamén se estreaba, apuntaron asemade que a organización “estivo á altura das circunstancias”. En xeral, sensacións positivas.

19 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.