Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A festa da carballeira de Zas chega entre medidas para coidar o seu entorno natural

Mantense a prohibición de acceder ao recinto con botellas de plástico ou vidro // Reduciron o lixo // Haberá vasos reutilizables

A Semana Cultural de Zas pecha cun dos eventos de maior identidade do municipio: a Festa da Carballeira que coa densa programación deste venres e sábado , chegará a súa 37ª edición. Como vén sendo habitual nos últimos anos, o Concello pon a disposición de cada vivenda con familias empadroadas no municipio dúas entradas para acceder gratis a todas as actividades programadas para o sábado, e que se poderán retirar ata o venres ás 14.00 horas, no Rexistro do Concello. Ademais os menores de 14 anos e maiores de 60 non pagan entrada calquera dos dous días do festival.

A Festa da Carballeira de Zas celébrase dende hai 37 anos na Carballeira de Velar, un entorno único e espectacular composto por centos de carballos que compoñen unhas gradas naturais e que o converten lugar perfecto para desfrutar dos concertos que se veñen celebrando nos últimos agostos, todo un referente da música celta nacional e internacional.

Este entorno arredor do que nace a festa é un indicador da preocupación que hai por parte de toda a organización polo coidado do medio ambiente. É por isto que dende os primeiros anos leváronse a cabo iniciativas, pioneiras algunhas delas, para reducir a cantidade de lixo, velar polo medioambiente e así poder coidar e manter vivo o entorno único no que se celebra o festival.

Unha das primeiras iniciativas en levarse a cabo foi a venda e o emprego do xerro, que se ben era un recordo da festa, tamén se empregou dende os primeiros anos da carballeira coma recipiente reutilizable para beber a queimada, un uso que se lle continúa dando a día de hoxe, ademais de servir como apoio e posta en valor da artesanía de Buño.

Pero ademais do xerro, outras das medidas que se levaron a cabo dende a organización para reducir a cantidade de lixo foron a prohibición de entrada no festival de persoas con botellas de vidro e plástico, o que fixo que a redución de lixo fora significativamente máis baixa, a pesar do polémico da medida tomada, máxime cando ningún outro festival nin festa pola zona facía nada similar.

Segundo Fidel Otero, director do festival, “esta iniciativa supúxonos bastantes problemas con grupos de mozos na entrada da Festa os primeiros anos, pero dende a organización tíñamos claro que isto iba a repercutir de xeito positivo na cantidade de lixo xerado e levámolo a cabo con todas as consecuencias. Anos máis tarde, vemos que non estabamos equivocados, e que isto se leva a cabo en gran número de festas e festivais”.

A última medida que levaron a cabo dende a organización, e coa que conseguiron reducir centos de quilos de lixo nos últimos anos, foi o emprego do vaso reutilizable. Este vaso entrégase a todos os que o queiran por unha fianza de un euro, que sería devolto no caso de retornar o vaso; e polo contrario, os asistentes poden quedar con el se así o desexan. Este vaso pódese encher coas diferentes bebidas dispensadas no festival.

Unha semana cultural moi completa serve de aperitivo

Un ano máis, o Concello de Zas vén de dar a coñecer as actividades incluídas na Semana Cultural que organiza o Departamento de Cultura ao redor da Festa da Carballeira.

Ao longo de toda a semana, o centro sociocultural acollerá dúas exposicións. Unha cos distintos traballos de cesteiría, manualidades e bordado realizados ao longo de todo ano polo alumnado dos cursos municipais. E outra fotográfica con imaxes antigas do Concello de Zas do arquivo fotográfico de Gonzalo Romero Osende e cedidas pola familia Romero Mengotti. Outro dos pratos fortes da Semana Cultural 2022 son os obradoiros. Para os máis novos haberá talleres sobre a robótica educativa; pedras de papel, artesanía e patrimonio; e ciencia e nutrición. Para o público adulto haberá toda a semana un obradoiro de percusión tradicional e outro de deseño de álbums de fotos coa técnica ScrapBooking.

E a maiores, este domingo a Escola Municipal de Teatro Infantil do Concello de Zas presenta os seus traballos: Por fin libre e A fuga de Acapulco.

O luns proxéctase o documental Brandomil vila romana a carón do Xallas e a continuación preséntase o libro Brandomil na historia, un Couto de mulleres. Ese mesmo día Suso Vaamonde e Xosé L. Romero ofrecen un concerto (21.00 h. no campo do río, ao carón da entrada da Carballeira). O martes preséntase o libro El Defensor de Manuel Romero Mengotti e Culturactiva Producións representa a obra As alumnas.

O monólogo Outra Movida, de Oswaldo Digón, é o único acto para o mércores, e o xoves organízase unha visita ao patrimonio arqueolóxico do lugar de Brandomil; preséntase o libro Os mundos de agora, de Lois Oreiro; e haberá teatro coa obra Atranca. Sucursal 21 do grupo Sen Tempo Teatro. Xa o venres, desde as 16.30 h., terá lugar un concerto infantil con Xoán Curiel. E o mesmo venres e o sábado chega o Festival da Carballeira de Zas.

04 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Zas
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.