Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A Festa da Filloa de Lestedo prevé repartir unhas 16.500 unidades do prezado doce

A conselleira de Mar e a directora de Turismo presidirán este domingo a celebración na que non faltará o Alto dos Xenerais

A Festa da Filloa de Lestedo regresa este domingo 6 de marzo tras un ano de parón pola pandemia da covid-19. Na súa edición número 39, xuntará dúas celebracións consideradas Festa de Interese Turístico Galego: a propia Festa da Filloa e os Xenerais da Ulla, nun programa cheo de novidades para adaptarse á situación de saída da pandemia sanitaria.

Así, ás 10.00 horas acenderase a máquina filloeira, cunha capacidade para elaborar 1.500 unidades cada hora e que estará operativa ata o remate da verbena da tarde.

Para ás 11.00 horas, o local social de Lestedo acollerá a inauguración da mostra fotográfica 39 anos filloando, organizada pola asociación de veciños de Lestedo. Xa no campo da festa da localidade ás 11.30 horas actuarán distintos grupos musicais da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio e ás 12.00 horas terá lugar a tradicional parranda de entroido.

Ás 12.35 horas, a actriz María Mera presentará ás autoridades presentes na festa. Está confirmada a asistencia de Rosa Quintana Carballo, conselleira do Mar; Manuel Fernández Munín, alcalde de Boqueixón; Nava Castro, directora de Turismo de Galicia; Ovidio Rodeiro Tato, deputado autonómico; Blas García Piñeiro, deputado provincial e alcalde de Ames; Xosé Manuel Lobato, pregoeiro desta edición, así como alcaldes e concelleiros da contorna.

Para ás 12.45 está previsto o Gran Alto dos Xenerais da Ulla, no que se botarán catro atranques, incluído un infantil. Ás 13.15 horas terán lugar os discursos das autoridades que ás 13.30 horas darán paso ao pregón de Xosé Manuel Lobato, profesor e escritor nado en Lestedo.

Ás 14.00 horas imporanse os Mandís de Honra da Festa da Filloa 2022, que este ano recaeron en Xosé Manuel Lobato; Víctor Furelos, xornalista xefe de Comarcas de El CORREO GALLEGO, e Ramiro Esparís Sampedro, director do CIFP Compostela.

Posteriormente, ás 14.15 horas terá lugar o acto de recoñecemento aos xenerais e xeneralas da Ulla, no que José Manuel Iglesias imporá a condecoración de Xenerala da Filloa de este 2022 a Uxía Canabal Peón.

Finalmente, ás 14.30 horas terá lugar o acto de entrega dos premios aos catro gañadores/as do Concurso de Fotografía Filloarte. O acto rematará cun “Viva” por parte de Uxía Canabal Peón.

Será a orquestra Finisterre a que porá o broche final a unha intensa mañá de actividades coa sesión vermú.

Esta formación, canda a orquestra Olympus, protagonizarán a verbena, a partir das 18.00 horas , que despedirá os actos da XXXIX Festa da Filloa de Lestedo.

06 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.