Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A gastronomía rural traspasa fronteiras grazas a Eurochef

O proxecto de cooperación trasnacional está apoiado pola ADR Terras de Pontevedra Norte, que preside o alcalde de Lalín

Pór en valor os produtos gastronómicos dos territorios rurais, potenciado o consumo local a través de novas elaboracións e fusións con outras cociñas e, ao mesmo tempo, dalos a coñecer máis alá das fronteiras e crear novos mercados de forma directa noutros países. Ese é o obxectivo co que nace Eurochef: European Show cooking-Sharing Gastronomy and Experiences (Eurochef: Showcooking europeo-Compartindo gastronomía e experiencias), un proxecto de cooperación transnacional Leader coordinado pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural coa Asociación de Desenvolvemento Rural Terras de Pontevedra Norte, que preside o alcalde de Lalín, José Crespo, e a Asociatia Grup de Eurochefy que permitirá aos tres socios pór en marcha unha simbiose perfecta entre turismo e gastronomía.

“Somos comarcas cunha gastronomía rica e temos magníficos e magníficas profesionais da restauración, xente nova que é unha referencia. E cada vez hai máis persoas dispostas a desprazarse quilómetros para poder desfrutar dos nosos pratos. Así que, tendo produtos de primeira calidade e quen os transforme de xeito diferente, é algo natural pór en marcha esta simbiose entre gastronomía e turismo para aproveitar as sinerxías derivadas desta promoción conxunta que ademais de incrementar o número de visitantes, poden contribuír tamén a aumentar o consumo de produtos locais e a actividade do sector hostaleiro e da restauración”, dixo Crespo.

Crespo fixo fincapé “en que a gastronomía é un dos nosos atractivos turísticos; no territorio de Pontevedra Norte temos unha feira gastronómica de interese internacional, O Cocido, e catro de interese galego (Festa do Galo de Curral de Vila de Cruces, a Romaría da Tortilla en Laro, a da Empanada de Bandeira e a Festa do Salmón na Estrada), e outras moitas como a Festa da Sidra na Estrada ou a da Paella en Cortegada, Lacón en Silleda, Richada en Forcarei, Festa da Caza en Rodeiro, que sen ser distinguidas atraen a miles de visitantes cada ano.

Segundo explicaron este proxecto nace tras o éxito da experiencia obtida con Un chef no rural, un proxecto de animación e difusión no territorio posto en marcha por Eurural no que se concienciaba á poboación da importancia de consumir produto local e de proximidade ao tempo que se puña en valor o patrimonio rural e a paisaxe.

Eurochef é o único proxecto de cooperación Leader aprobado en Galicia con carácter transnacional. Ademais, acadou a máxima puntuación na concorrencia con outras iniciativas presentadas a esta convocatoria enmarcada na Submedida 19.3 do PDR de Galicia 2014, resolta por Agader este 2021. A finalidade destes proxectos é fomentar a cooperación entre grupos de desenvolvemento rural de toda Europa.

Por primeira vez esta convocatoria permite ter como socios colaboradores entidades alleas aos GDR, polo que Eurochef contará con dous chefs que representarán ao territorio; Iván Méndez por parte de Eurural e Álex Iglesias de Terras de Pontevedra Norte. A eles súmanse as vilas de Rodeiro, Agolada, Forcarei, Silleda e Vila de Cruces e as firmas La Torta S.L, Mirabel do Rosal, Pazo Valdomiño, Kiwi Atlántico, Hermanos Cabanas de Lalín, Gastro Galicia, Rivero Alimentación e adegas Castrorey.

16 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.